Partido Popular de Lugo

JAIME CASTIÑEIRA CRITICA A DEMAGOXIA DE PSOE E BNG NO PARLAMENTO AO SOLICITAR AS OBRAS DO PLAN PARADAI, “CANDO A XUNTA XA AS ESTÁ A FACER E EXISTE O SEU COMPROMISO DE REMATALAS”

Santiago, 6 de marzo de 2014.- O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, criticou hoxe a demagoxia utilizada polo PSOE e o BNG no Parlamento ao solicitar a execución das obras do Plan Paradai de Lugo, “cando é patente que a Xunta de Galicia xa as está a facer e existe o seu compromiso de rematar as obras e cumprir con este plan urbanístico”.

Jaime Castiñeira explicou que “neste momento estase a traballar na obra do ponte Paradai, que se executará con elementos prefabricados e da que nun par de meses poderase empezar a ver parte da actuación”. Ademais, afirmou que “se está a cumprir o prazo previsto de 14 meses desde o pasado 28 de outubro”, pero apuntou que “hai que saber como é o proxecto concreto e o plan de obra da empresa”.

LICITACIÓN SEN TERREOS

“Aínda sen ter os terreos, a Xunta acordou licitar a obra e asinou o contrato, facendo a acta de replanteo onde se recollía que facer a obra supoñía un grave risco para os edificios localizados xunto á vía férrea”, recordou Castiñeira. Neste punto, engadiu que a demolición deses edificios rematou en outubro do pasado ano e ao día seguinte reiniciáronse as obras.

O portavoz popular sinalou que na acta da reunión da Comisión Técnica de seguimento do convenio do día 6 de novembro de 2013 “xa se recolle o interese do Concello en facer un convenio urbanístico cos propietarios dun polígono residencial colindante coa obra da ponte que afectaría no seu caso directamente ao proxecto e provocou máis retrasos na execución da obra, así como a cesión demanial dos terreos públicos do ADIF”.

OPOSICIÓN SOCIALISTA

Na súa intervención na Comisión 2ª, Jaime Castiñeira subliñou que a vixencia do convenio firmado a instancias dos gobernos do Partido Popular na Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello remataba en 2003. “Era un convenio ao que o actual alcalde de Lugo se opuxo no seu momento, facendo incluso alegacións casa por casa, co único obxectivo de entorpecer o Plan Paradai e utilizalo no seu beneficio político”, sinalou.

Castiñeira puxo de manifesto que desde a sinatura deste convenio urbanístico “houbo tres presidentes no Goberno da Xunta e cinco conselleiros de todas as cores políticas, pero sempre o mesmo alcalde”, polo que considerou incongruente que os socialistas “acusen a todos de incumprir os seus compromisos sen recoñecer que son os únicos culpables pola súa incapacidade para poñer os terreos libres de cargas a disposición da Xunta de Galicia en todo este tempo, incluído o actual secretario xeral dos socialistas, José Ramón Besteiro, nos seus anos á fronte do departamento de Urbanismo do Concello de Lugo”.