Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AFIRMA QUE O TRIBUNAL SUPREMO REVELA QUE A DECISIÓN DO BIPARTITO DE ANULAR O PLANEAMENTO DE BARREIROS FOI “ARBITRARIA, DISCRIMINATORIA E ILEGAL”

Santiago, 5 de marzo de 2014.- O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, afirmou hoxe que a sentenza do Tribunal Supremo que anula a decisión do Goberno bipartito da Xunta de invalidar o planeamento de Barreiros “confirma que se trataba dunha decisión arbitraria, discriminatoria e agora sabemos que ilegal”. Rodríguez lamentou “as graves consecuencias económicas, administrativas, sociais e urbanísticas que se derivaron desta decisión da Xunta bipartita” e animou ao Concello de Barreiros a tramitar coa máxima axilidade un novo plan urbanístico “que aporte seguridade xurídica e normalidade ao desenvolvemento do municipio”.

Román Rodríguez, que compareceu esta tarde en rolda de prensa acompañado dos deputados populares José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, ademais do alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, lamentou “o problema urbanístico desencadeado pola decisión adoptada polo anterior Goberno bipartito na Xunta, que co ánimo de crear un chivo expiatorio no Concello de Barreiros abriu unha caixa de pandora de múltiples efectos perversos no eido económico e social”.

Na súa intervención, o portavoz popular recordou que as licencias concedidas polo Concello de Barreiros con anterioridade á anulación das súas normas subsidiarias por parte do Goberno bipartito da Xunta “fixéronse conforme ao planeamento urbanístico municipal vixente e contaron cos informes técnicos e xurídicos favorables”. “O PSOE, nun contexto social e mediático dominado pola idea do boom construtivo, buscou notoriedade anulando o planeamento de Barreiros e substituindo as normas subsidiarias de 1994 por unha normativa provisional”, indicou.

EFECTOS PERVERSOS NA ECONOMÍA

“A sentenza ditada polo Tribunal Supremo confirma que esta medida foi irreflexiba, discriminatoria e tivo uns efectos moi perversos na economía local, nas empresas e nas familias que tiñan intención de adquirir segundas residencias en Barreiros”, manifestou Rodríguez. Ademais, engadiu que “o Bipartito alterou premeditadamente as regras de xogo, rachou o proceso urbanístico, imposibilitou que as promotoras rematasen os edificios e as obras de urbanización sobre as que se asentaban, freou as ventas existentes e futuras e imposibilitou a conclusión do proceso urbanístico”.

O portavoz popular concretou que “as consecuencias foron claras: a nivel económico, quebra de empresas, desemprego e perda de aforro nas familias; a nivel adminsitrativo, indemnizacións e perdas para a administración; a nivel social, demonización da localidade de Barreiros e do conxunto da Mariña lucense; e a nivel urbanístico, amplificación da idea de inseguridade xurídica e discrecionalidade da acción da administración”.

Román Rodríguez amosou o apoio do Partido Popular ao Concello de Barreiros “para a elaboración dun novo plan xeral de ordenación municipal, unha norma que aporte seguridade xurídica e normalidade ao desenvolvemento urbanístico deste municipio lucense”. “Un documento que defenda o interese xeral, sen xerar atropelos nin arbitrariedades; elaborado con rigor e buscando solucións de consenso coas administracións e os veciños”, apuntou.