Partido Popular de Lugo

PP de O Valadouro denuncia que o alcalde puido ter percibido unha compensación económica por asistencia de xeito irregular

O Valadouro, 25 febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Partido Popular no Valadouro denunciou hoxe que o alcalde, o socialista Edmundo Maseda, puido ter recibido unha compensación económica por asistencia de xeito irregular.

Os populares teñen coñecemento de que ata en tres ocasións realizou viaxes para participar nunha mesa de contratación no concello de Ourol polas que percibiu 180 euros (60 euros por cada viaxe) con cargo aos fondos municipais.

Desde o Partido Popular lembran que a normativa vixente impide que os cargos políticos con dedicación exclusiva –que xa perciben un salario do Concello en función do seu traballo– poidan recibir ademais abonos complementarios por asistir a mesas de contratación ou participar noutros órganos colexiados.

Os populares citan, máis en concreto, o artigo 75 da Lei 7/1985 Reguladora das Bases de Réxime Local que establece que só os membros da Corporación que non teñan dedicación exclusiva nin dedicación parcial percibirán asistencias por estes conceptos, establecendo unha incompatibilidade para o resto dos supostos.

Por este motivo, os populares solicitan que o alcalde aclare por que percibe estas dietas de asistencia e esixirán a devolución da cantidade ingresada de xeito irregular, no seu caso.

CÚMULO DE IRREGULARIDADES

Dáse a circunstancia de que nunha das ocasións nas que o alcalde se desprazou a Orol foi no vehículo de Protección Civil –alegando un problema co seu particular- polo que os populares tamén reclaman que se verifique se nese caso, solicitou tamén dieta ou se puido requirir unha compensación de quilometraxe, que tería percibido tamén de xeito irregular.

Ademais os populares amosan a súa curiosidade porque sexa un político, o alcalde, e non un técnico municipal quen participe en representación do Concello do Valadouro nestas mesas de contratación, a diferenza do que acontece no resto dos concellos, onde se evita que sexan políticos os que participen nestes órganos administrativos.

EVITAR

Os populares ironizan –finalmente– sinalando se a “suposta austeridade” da que facían gala coa chegada do tripartito local escondía “pola porta de atrás” compensacións económicas con cargo ás dietas.