Partido Popular de Lugo

PARA O PPDEG O PROBLEMA DOS RESIDUOS SÓLIDOS EN GALICIA NON É LEXISLATIVO E AVOGA POR DEIXAR A CONFRONTACIÓN E BUSCAR UN ACORDO DE PAÍS

Santiago, 25 de febreiro  de 2014.- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela Suanzes-Carpegna, indicou hoxe na súa intervención no pleno do Parlamento que “o problema dos residuos sólidos en Galicia non é lexislativo” e avogou por deixar a confrontación e buscar un acordo de país. Nese sentido xustificou o non apoio do PPdeG a modificación da Lei de residuos de Galicia do ano 2008, feita polo goberno Bipartito na Xunta de Galicia e que os socialistas propuxeron reformar.

“Non existe un problema lexislativo xa que a actual lei, que aprobaron  PSdeG-PSOE e BNG pese a ter dous proxectos distintos e distantes, establece un marco amplo que neste momento é valido para o PPdeG para consensuar unha política de residuos” indicou Daniel Varela.

Para o deputado popular “non se trata de confrontar senón de negociar no seo da Fegamp unha modificación do Plan vixente para adaptalo ás novas circunstancias xurdidas con motivo da modificación do marco enerxético estatal”.

Daniel Varela destacou as contradicións socialistas “que pasaron de defender Sogama a demonizala e agora a propoñer a creación dunha mega-Sogama e dunha macro-incineradora, impoñendo por lei aos concellos que todos os sistemas existentes se integren na mesma, o que non parece moi de acordo coa autonomía local e co debate dos sistemas alternativos que están a propoñer os propios concellos”.

O voceiro de Medio Ambiente recordou que “este proxecto xa o trouxeron no pasado pleno como moción e non conseguiu o apoio de ningún grupo parlamentario, non só do maioritario senón tampouco de AGE nin do BNG, polo que non comprendemos que queiran elevar este desacordo á categoría de lei”.

Daniel Varela indicou que “gran parte do problema dos residuos sólidos é o desacordo político existente que se traslada aos concellos, en vez de buscar fórmulas e acordos de cooperación no seo da Fegamp que, por certo, está presente no Consello de Administración de Sogama”.