Partido Popular de Lugo

O PP define o POS como un “plan dos concellos” no que a achega económica dos municipios supera á da Deputación

Lugo 25 de febreiro de 2014.- A voceira do Partido Popular, Elena Candia, cualificou o Plan de Obras e Servizos que aprobou hoxe a Deputación como un “plan dos concellos”, dado que a achega económica dos municipios supera á da propia administración provincial.

A popular fixo referencia a cifras e explicou que mentres a Deputación de Lugo aporta 931.959,47 euros para obras de titularidade municipal, a contía que sufragan os municipios é de 1.012.694,03.

Neste senso, dende o Grupo Provincial do Partido Popular censuran que un plan que está obrigado por lei a aprobar anualmente a Deputación de Lugo, cuxa principal competencia é a de colaborar cos municipios, estea sostido nunha ampla medida por aportacións municipais.

Un plan ridículo

Os populares tachan a maiores de “ridículo” este plan, dado que a achega media da Deputación Provincial de Lugo a cada concello é de 14.300 euros. “Estase ante un POS insuficiente”, matizou Candia, quen lembrou que o GPP intentou a través de varias iniciativas a mellora desta proposta.

A maiores, a contía do POS lucense é “irrisoria se a comparamos coas das outras Deputacións, con aportacións moi superiores”. A popular fixo referencia ao plan da Deputación da Coruña con 24,2 millóns de euros ou o de Pontevedra de 15 millóns; así como ao de Ourense que supera só para obras municipais os catro millóns de euros.

Sectarismo político

Para os populares este plan é unha nova mostra de sectarismo político, xa que mentres a través do POS a Deputación de Lugo reparte 931.959,47 euros a obras de titularidade municipial entre 67 concellos da provincia; só no ano 2013 aprobou convenios excepcionais por máis de catro millóns de euros entre 15 concellos, ningún deles gobernado polo PP.