Partido Popular de Lugo

Besteiro renuncia a colaborar cos veciños de Piornedo na conservación das pallozas

Lugo 25 de febreiro de 2014.- O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, renunciou hoxe á colaborar coa Xunta de Galicia e co Concello de Cervantes na procura dunha solución de alcance que permita resolver o problema de mantemento das pallozas.

E máis, segundo matizan os populares, dende a administración provincial non só se negan a un traballo en conxunto, senón que a maiores están a evitar a colaboración cos veciños de Piornedo, que atopan nestas pallozas unha das principais fontes de dinamización das súas localidades.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular consideran que este voto en contra é inxustificable, cando se está ante a única administración da provincia que “non puxo nin un só euro na conservación destes inmobles”.

A maiores os populares consideran que a proposta que presentaron é o suficientemente ampla e ambiciosa, xa que non só abarca a rehabilitación inmediata dos teitos destas edificacións; senón tamén o deseño dun plan futuro que realmente garanta a conservación dos inmobles.

Dende o GPP consideran que a moción está feita de xeito construtivo, polo que non é entendible un voto en contra, xa que o posicionamento a favor non vai en prexuízo de que se podan planificar outras actuacións para este ou outros concellos.

Só para a foto

O PP censura que PSOE e o BNG estean só para a foto pero cando deben manifestarse nos organismos, votan en contra.

Para os populares, a través do voto en contra evidénciase a falta de implicación e unidade do PSOE e do BNG na Deputación de Lugo, que unha vez máis eluden as súas responsabilidades xa que a lei apela á colaboración das distintas administracións públicas en materia de conservación de patrimonio.

Esta situación contraponse á actitude da Xunta xa que nos próximos días técnicos da administración autonómica desprazaranse ao Piornedo para decidir como arranxar os teitos das parroquias.