Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR APLAUDE A DECISIÓN DE MEDIO RURAL E MAR DE AMPLIAR O PRAZO DAS AXUDAS QUE PERMITIRÁN RESTAURAR OS BANCOS MARISQUEIROS DANADOS POLO TEMPORAL

Santiago, 20 de febreiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro aplaudiu hoxe a iniciativa da Consellería do Medio Rural e do Mar de ampliar o prazo de presentación de solicitudes das axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración dos bancos marisqueiros.

Os populares poñen en valor o obxectivo perseguido polo Goberno galego con esta decisión, isto é, facilitarlle ás posibles entidades solicitantes unha máis ampla avaliación da situación actual e a preparación dos proxectos que permitan restaurar os bancos marisqueiros e as poboacións de bivalvos danadas.

Balseiro quixo salientar os esforzos que está a desenvolver a Consellería do Medio Rural e do Mar e entidades dependentes desta como Portos de Galicia, tanto na avaliación dos danos producidos polos sucesivos temporais como, na valoración económica dos mesmos, reparación urxente e planificación da reparación global, e amosou a súa confianza en que xa se están adoptando os apoios precisos segundo cada circunstancia.

APOIO AOS PROFESIONAIS DA PESCA

O voceiro popular considerou especialmente acertadas as xestións que a propia conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, anunciou está a desenvolver diante da Seguridade Social para o posible aprazamento das cotizacións daqueles profesionais afectados polos amarres forzosos ante  e ante a sucesión de días sen posibilidade de traballar.

Balseiro tamén valorou que se estean a estudar, xunto co Goberno central outras iniciativas de apoio ao sector para a súa posta en marcha con celeridade, feito que amosa que o Goberno galego é perfectamente consciente e esta preocupado ante situación e como no caso de hoxe, irá tomando decisións e aprobando as axudas e outras medidas que dean resposta a estas circunstancias.

AVALIACIÓN DE DANOS PORTUARIOS EN PROFUNDIDADE

O voceiro do Mar dos populares galegos tamén lembrou que, no caso dos danos nas instalacións portuarias, fundamentalmente diques, a valoración definitiva dos mesmos e, en consecuencia, as medidas de arranxo a executar, dependen da mellora das condicións marítimas que fagan posible unha inspección submarina e de detalle destas estruturas.