Partido Popular de Lugo

BALSEIRO DI QUE O PSOE “TERÁ QUE EXPLICAR” A SÚA OPOSICIÓN EN GALICIA Á PROPOSTA AVALADA POLO 100% DO SECTOR SOBRE A REFORMA DA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN

Santiago, 20 de febreiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que o PSOE no acto previsto para mañá en Burela, terá que explicar ante os profesionais do mundo do mar por que se opuxeron en Galicia á proposta avalada polo cen por cen do sector sobre a reforma da Política Pesqueira Común (PPC).

Balseiro lembrou que os socialistas negáronse a apoiar no Parlamento autonómico a posición común en defensa dos intereses de Galicia cuxo contido foi avalado por unanimidade no Consello Galego de Pesca, isto é, pola máximo órgano consultivo en materia de pesca na nosa comunidade e no que están presentes confrarías, organizacións de produtores e sindicatos, que si deron o seu apoio ao texto.

Balseiro considera que os socialistas galegos non están á altura da importancia do debate sobre o futuro do sector marítimo-pesqueiro que está a ter lugar en Europa e sinalan que se limitan a facer seguidismo de forzas como o BNG ou AGE moi afastadas da defensa dos intereses da nosa pesca.

VOTAN EN CONTRA DO SECTOR NO PARLAMENTO GALEGO

Neste senso o portavoz popular lembrou que o PSdeG no Parlamento de Galicia non apoiou iniciativas demandadas polo sector tales como a supresión do principio de estabilidade relativa, básico na determinación das cotas pesqueiras, a petición do PP para que Europa flexibilizase o moi estrito calendario inicial para a prohibición dos descartes pesqueiros, a petición para que se impuxeran sancións a a Islandia e Illas Feroe ante a sobrepesca de xarda, o rexeitamento do acordo pesqueiro con Mauritania mentres non inclua á flota cefalopodeira, ou a iniciativa instando á modernización da normativa sobre tripulacións mínimas, ainda que agora, a posteriori, os socialistas parecen rectificar e incluso reivindican algúns destes aspectos.

O PSOE EN BRUXELAS CORRIXE AO PSOE DE GALICIA

Balseiro conclúe lamentando a falta de compromiso do PSOE cos profesionais do ámbito pesqueiro e os vaivéns que dan na súa estratexia política que esperan poidan rectificar nun futuro ante a importancia que ten defender conxuntamente os intereses da flota galega en Bruxelas. E nesta liña sinala como un camiño errado a situación que acontece en Galicia cando en múltiples ocasións o PSOE en Europa corrixe ao portavoz socialista galego e votan a favor das mesmas iniciativas que o PSOE rexeita en Santiago.