Partido Popular de Lugo

Besteiro concede máis de 340.000 euros a unha asociación coruñesa, onde traballan persoas afíns ao BNG

Lugo 19 de febreiro de 2014.- O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, concedeu dende o ano 2008, subvencións por máis de 340.000 euros a unha asociación con domicilio fóra da provincia de Lugo, onde traballan persoas que teñen unha clara vinculación co BNG, socio de goberno do socialista na administración lucense.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) percibiu anualmente da Deputación de Lugo dende o ano 2008 subvencións de carácter nominativo, por un importe total que suma máis de 50 millóns de pesetas.

A voceira dos populares, Elena Candia, explicou que o posicionamento do partido non é contrario á citada asociación, senón ao uso que o goberno de Gómez Besteiro lle está a dar ao reparto das subvencións nominativas; ata o punto de priorizar entes deslocalizados ás propias agrupacións provinciais.

Por exemplo, na anualidade 2008, é necesaria a suma das axudas percibidas por ata oito entes lucenses para que iguale á contía de 50.000 euros que se lle destinou á asociación coruñesa o referido ano. E inclusive, nun só ano a Deputación lucense concédelle unha subvención superior á Asociación Socio-Pedagóxica, que a administración coruñesa en catro anos.

Vinculación partidista

Trala análise da documentación, os populares tamén puideron comprobar que persoas que traballan para esta asociación, e que figuran na conta xustificativa da subvención; están vinculados co BNG, socio de goberno de Gómez Besteiro na Deputación de Lugo.

Tanto e así que na relación de gastos polo custo total da actividade subvencionada, por exemplo durante o 2012, figuran concelleiros do BNG e membros de listas electorais en municipios incluso das provincias de Pontevedra e A Coruña; e a maiores integrantes do consello do BNG en Lugo.

Unha constante na Deputación de Lugo

Os populares explican que se está ante un novo caso que amosa a xestión descaradamente partidista e indebida que o presidente da Deputación e os seus socios de goberno están á levar a cabo con fondos públicos de todos os lucenses.

As axudas a entes afíns politicamente e deslocalizados da provincia estanse a converter nunha constante na Deputación de Lugo, como xa denunciaron os populares noutras ocasións, a través de entes como Solga, Fundación Luís Tilve e Bautista Álvarez.

O uso partidista das subvencións nominativas

A tipoloxía de axudas concedidas a Asociación Socio-Pedagóxica Galega son de carácter directo nominativo, é dicir, limita a participación de todos os colectivos interesados que poderían participar en pé de igualdade para concorrir ás subvencións.

Os populares xa manifestaron, tal e como recollen as actas plenarias, a súa oposición ao uso partidista que profesa a Deputación de Lugo; e aseguraron que os plans de subvencións non son nin obxectivos, nin se rexen polo principio de igualdade.

A maiores os populares explicaron que este partidismo vai en contra dos municipios lucenses, que se atopan cunha Deputación que aproba o peos POS das catro deputacións; que incumpre en materia de benestar ou que reduce nun 53% as transferencias de capital a concellos.