Lugo, 17 de febreiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria da Deputación de Lugo na que solicita tanto a implicación da Xunta de Galicia, como da Deputación e do Concello de Cervantes no mantemento das pallozas.
Deste xeito, os populares urxen un compromiso por escrito das tres administracións con responsabilidades de goberno nesta localización, tendo en conta que estas edificacións forman parte do patrimonio galego, provincial e municipal.
En especial, o GPP quere solicitar a colaboración da Deputación Provincial de Lugo e deste xeito coñecer o seu posicionamento, tendo en conta que é a única das tres administracións que non fixo pública a súa vontade de colaboración.
Petición de acordo
En concreto a proposta de acordo do Grupo Provincial do Partido Popular; solicita que a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello de Cervantes elaboren, con carácter de urxencia, unha solución de alcance que resolva o problema do mantemento das pallozas, traballando en dous planos: a rehabilitación inmediata dos teitos destas edificacións; e o deseño dun plan de futuro que realmente garanta a conservación dos inmobles.
Esta petición dáse por que a parte máis deteriorada destas construcións é o teito, ao seren de palla que co paso do tempo se ven danados polas inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, esta actuación require de inmediatez, pero a maiores, solicítase un plan de futuro que garanta no tempo a conservación das pallozas.
Colaboración da Deputación
Os populares non chegarían a entender o voto en contra desta iniciativa por parte da Deputación de Lugo, cando se está a falar dun importante patrimonio histórico e cultural que se converte nun dos principais atractivos turísticos e que polo tanto, permite a dinamización económica desta zona.
A Deputación Provincial de Lugo ten o deber de cooperar no desenvolvemento económico e social do territorio provincial e polo tanto, de implicarse na conservación destas edificacións de importante valor cultural, fundamentado tanto na singularidade da súa estrutura, como na forma de vida e na supervivencia endémica que levan intrínsecas as pallozas.