A responsable do Medio Rural, Rosa Quintana, analizou hoxe xunto con agricultores e gandeiros de Pol as novas directrices da Política Agraria Común.
O encontro celebrouse esta mañá no centro sociocultural de Mosteiro (Pol), onde profesionais do ámbito rural do municipio foron convocados polo Partido Popular de Pol para coñecer de primeira man a reforma da normativa comunitaria e as políticas de apoio ao sector.
Un traballo equilibrado para Galicia
A líder do departamento autónomo do Medio Rural destacou as principais novidades da normativa comunitaria que rexe as subvencións ao sector agrario e aclarou as dúbidas trasladadas polos veciños.
Entre outros datos, durante a súa intervención Quintana destacou que as novidades que veñen de ser aprobadas “son o resultado dun traballo equilibrado para Galicia” e así reincidiu que as axudas que percibirá a comunidade autónoma son similares ás que viñan percibindo no período 2007-2013.
En datos concretos, os agricultores e gandeiros galegos contarán con arredor de 2.380 millóns de euros das axudas da PAC para o período 2014-2020, tanto en axudas directas ás explotacións agrícolas, como no caso das axudas correspondentes ao desenvolvemento rural.
A popular tamén referiu ao concepto do agricultor activo, -aquel que polo menos ten un 20% dos seus ingresos agrarios procedentes da actividade produtiva-, que vai ligado directamente á percepción de axudas directas.
Foro de debate
Este tipo de encontros non só serven para que os veciños do concello de Pol, onde a agricultura e a gandería son unhas das principais fontes de traballo, coñezan as novidades acaecidas nesta reforma e trasladen as súas dúbidas; senón tamén para dar opinións e apreciacións á responsable da área, que máis lles preocupa da administración autonómica.
Así, a presidenta e voceira dos populares de Pol, María Ángeles Lenza, agradeceu tanto a boa dispoñibilidade da dirixente popular que aclarou as dúbidas dos veciños sobre as consecuencias desta política nun dos principais sectores locais, -o agrario-; como a participación dos profesionais do sector, agricultores e gandeiros que responderon a chamada do Partido Popular para participar neste encontro.
A voceira popular valorou o feito de que os asistentes puidesen ser informados de primeira man das políticas de apoio ao sector xa que este encontro, tratábase dunha das demandas dos agricultores e gandeiros do municipio.
Por último, Lenza lembrou que o goberno autonómico vén de amosar que é un dos principais aliados do sector lácteo e gandeiro e demostrouno tanto tomando decisións no seu apoio como para corrixir os duros efectos da crise nestes profesionais.
Xantar con afiliados
Rosa Quintana, xunto co presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, tamén participa hoxe nun xantar con afiliados e simpatizantes do Partido Popular de Pol.