Santiago, 14 de febreiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de interesarse, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, pola avaliación que a Xunta está a facer dos danos causados nas instalacións portuarias de titularidade autonómica, polos sucesivos temporais.
O deputado significou que Galicia vén sufrindo unha reiteración de alertas debidas ao mal tempo, con ondas de grandes dimensións, marusías, vento e choiva que están provocando importantes estragos.
“Foron afectados peiraos, diques, balizamentos, casetas de pescadores, zonas de varadoiro, danos no material de apoio portuario, en paseos marítimos e ata en embarcación”- lembrou Balseiro.
Balseiro pon en valor o feito de que desde o primeiro día técnicos e responsables de Portos de Galicia iniciasen as accións de prevención de riscos, sinalización e alerta, valoración económica, reparación urxente e planificación da reparación global dos danos, aínda que lembra que a determinación final dependerá doutras moitas avarías que deben ser valoradas máis polo miúdo cando poidan acceder buzos e comprobar a situación baixo o mar.
Balseiro coñecer máis polo miúdo, e por iso formulou esta pregunta, que medidas están a levarse a cabo ou están previstas para, cando superemos a etapa de alerta, recuperar a normalización da actividade portuaria e na actividade dos diferentes usuarios das instalacións marítimo-pesqueiras.