Partido Popular de Lugo

O PP do Valadouro denuncia que o asesor da área de Cultura podería estar traballando sen contrato

O Valadouro, 13 de febreiro de 2014.- O presidente e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular do Valadouro, Jose Manuel Lamela denunciou hoxe a situación irregular na que se atopa o asesor da área de Cultural que vén realizando tarefas municipais sen ter ningún tipo de contrato laboral co Concello.

Os populares explicaron que xa solicitaron información sobre a situación deste asesor pouco despois da toma de posesión do novo alcalde pero, pese a que o rexedor adquiriu o compromiso de facilitala, aínda non contestaron por escrito nin lles deixaron ver os documentos que acreditan a relación laboral desta persoa.

Lamela lembra que unha denuncia previa dos populares xa fixo inviable que, como pretendía nun primeiro momento o Equipo de Goberno local, fora nomeado este asesor como persoal de confianza e, polo tanto, contratado con cargo a fondos públicos municipais a través dunha libre designación. Daquela desde o PP alertaron que a lexislación vixente non permite empregar este procedemento en concellos das características do de O Valadouro.

Con todo, desde o Partido Popular teñen constancia que esta persoa está traballando no Concello, que organiza determinadas actividades e supervisa o desempeño dalgúns traballadores municipais, chegando incluso a realizar algunha substitución na Casa da Cultura.

O ALCALDE É O XEFE DE PERSOAL

Lamela censura a mala xestión do alcalde socialista por permitir manter ao asesor nunha situación irregular e lembra que a xefatura de persoal corresponde, en primeira persoa, ao rexedor. Con todo, atribúe esta situación de pasividade do alcalde ao intento de evitar tensións co seu socio de Goberno, UDIVAL, pois o asesor formaba parte da candidatura deste partido, e asegura que o alcalde está atado de pes e mans como consecuencia do pacto de gobernabilidade.

Os populares están á espera de recibir toda a información que solicitaron ao Concello e non descartan, unha vez analizada a documentación, denunciar o caso aos órganos competentes, xa sexa nos xulgados ou en Inspección de Traballo.