Partido Popular de Lugo

O PP amosa a súa sorpresa porque o PSOE estea en contra do Plan Impulsa que discrimina positivamente á nosa provincia de Lugo

Lugo, 12 de febreiro de 2014.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, saíu hoxe ao paso das críticas efectuadas polo PSOE en relación co Plan Impulsa Lugo.

O dirixente popular manifestou a súa sorpresa porque os socialistas estean en contra dun plan que discrimina positivamente á nosa provincia e que ofrece multitude de medidas con importantes beneficios a cidadáns, empresas, emprendedores e aos concellos lucenses.

Balseiro lembrou que o Plan Impulsa Lugo inclúe moi diversas medidas como por exemplo condicións máis vantaxosas de acceso ao crédito, aos avais e ás axudas da Xunta. De feito este, plan prima á provincia de Lugo nas políticas de emprego e ofrece condicións de preferencia para as empresas e para os concellos á hora de optar a moitas subvencións.

BESTEIRO LIDER EN RECORTES

Por outra banda o secretario xeral dos populares lucenses considera que os socialistas non están en condicións de dar leccións de nada, tendo en conta que a administración onde gobernan, a Deputación de Lugo é a que máis recortes realizou.

Así por exemplo mentres que para a Xunta Lugo é a provincia de maior inversión por habitante de toda Galicia (con 728 euros por habitante) o PSOE o BNG na Deputación reduciron esta mesma magnitude desde 2011 nun 85%.

Balseiro quixo lembrar que o PSOE na administración provincial recortou só no último ano un 53% as transferencias de capital aos concellos, reduciu un 21% en investimentos reais, recortou máis de 350.000 euros en transferencias correntes e de capital na área de Cultura, en 380.000 euros en transferencias correntes e de capital na área de Deportes, en 107.000 euros en transferencias correntes en Turismo, e reducións dun 45% en áreas da importancia das destinadas aos sectores produtivos como son a agricultura, gandaría e pesca ou dun 31% en investigación científica e técnica aplicada.