Partido Popular de Lugo

O GPP presenta unha queixa ante o Valedor do Pobo logo de que a Deputación encriptase o contido das facturas

Lugo, 12 de febreiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentou ante o Valedor do Pobo unha queixa tras que a Deputación de Lugo decidise encriptar as facturas, eliminando o concepto en virtude do cal se realizan as liquidacións.

Os populares explican que a Deputación de Lugo viña publicando periodicamente Decretos de Presidencia nos que se recoñecía e se ordenaba o pago de distintas facturas relacionadas coa actividade provincial. Ata o de agora, estes decretos incluían varios conceptos, tales como nome, data, número de factura e importe, ademais do concepto polo que se autorizaba a correspondente liquidación.

Tras que algúns destes conceptos desen lugar a importantes polémicas, como consecuencia do destino final dos fondos que figuraban nos distintos conceptos, como foi o caso da confirmación dun pago, con diñeiro público, para comidas á sindicalistas da UXT; a Deputación de Lugo cambiou o modelo de Decretos, con ausencia do concepto polo que se realiza o pago.

Cortapisas inxustificadas

Os populares denuncian que este cambio ten por obxecto reducir a transparencia dos datos ofrecidos, dificultar as funcións de control e fiscalización e deturpar unha información que se ofrecía ata o de agora en coherencia das normas de bo goberno.

Así, a Deputación pretende evitar que o GPP poida supervisar toda a documentación e que así dean a coñecer posibles novos casos como o relativo á UXT.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular explican que cando un cargo representativo exerce as súas funcións non debe atopar cortapisas inxustificadas, pois doutro xeito vulnérase  o seu dereito ao exercicio de representación política.

Intervención do Valedor do Pobo

Os populares explican que este comportamento se engade a outros obstáculos que de xeito crecente están a impoñer dende o Equipo de Goberno da Deputación de Lugo, como é o caso da limitación ao dereito de acceso á información no tocante aos expedientes aprobados nas Xuntas de Goberno.

Dende o GPP explican que esta dificultade para acceso ás informacións das Xuntas de Goberno se deu dende que os populares deran a coñecer o proceso de saída do C.B. Breogán.

Deste xeito, o GPP mediante un escrito solicitou a intervención do Valedor do Pobo a fin de que os dereitos constitucionais sexan respectados e, en particular, recomendando á Deputación de Lugo que facilite aos membros da Corporación a información que, precisa o GPP en exercicio da función representativa para o correcto desempeño do cargo e das funcións encomendadas e, en particular, a de fiscalización e control da acción de goberno.