Santiago, 12 de febreiro de 2014.- O deputado do Grupo Popular e secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, aplaudiu hoxe a decisión da Xunta de aprobar definitivamente a delimitación do núcleo rural de Lamas en Becerreá, decisión que contribuirá a dar solución á problemática urbanística xerada pola “deixadez e falta de iniciativa” na que o alcalde mantén ao municipio.
O deputado popular lembra que este trámite que porá fin ao procedemento administrativo foi impulsado a instancias do Grupo Municipal do Partido Popular de Becerreá –que promoveu unha moción neste sentido ante a falta de reacción do alcalde– e permitirá a regularización das vivendas que se atopaban en situación irregular neste espazo.
“Ninguén pode dubidar que o concello de Becerreá precisaba dispoñer canto antes dunha normativa urbanística que, por unha parte, ordene e permita xestionar axeitadamente o seu crecemento e, por outra, que aporte a seguridade xurídica necesaria ás construcións a través da fixación das correspondentes delimitacións de solo”-dixo Balseiro.
Con todo, a solución global, aplicable ao conxunto do territorio pasaría por axilizar ao máximo tamén tramitación do imprescindible Plan Xeral de Ordenación Municipal cuxo impulso foi ralentizado desde a Alcaldía, pese aos distintos chamamentos da Xunta para que se impulsase. Cómpre lembrar que promover a tramitación do mesmo corresponde nunha primeira fase ao propio Concello de Becerreá.