Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ACUSA AOS SOCIALISTAS DE MANTER “UNHA ACTITUDE INCOHERENTE, CONTRADITORIA E IRRESPONSABLE” RESPECTO A SOGAMA E A XESTIÓN DOS RESIDUOS EN GALICIA

Santiago, 11 de febreiro de 2014.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela, acusou hoxe no Parlamento aos socialistas galegos de manter “unha actitude absolutamente incoherente e contraditoria, simplista e absolutamente irresponsable respecto a Sogama e a xestión de residuos urbanos en Galicia”. “Tiveron a responsabilidade directa da Consellería de Medio Ambiente durante catro anos, nos que mantiveron Sogama e foron incapaces de facer un plan de xestión novo”, criticou.

Daniel Varela manifestou que desde o Partido Popular “non somos triunfalistas” coa situación da xestión dos residuos sólidos urbanos, porque “estamos preocupados pola situación de saturación de todos os sistemas existentes en Galicia e polo enfrontamento político dirixido desde o BNG e apoiado polos socialistas”.

MANTER SOGAMA PARA AGORA DEMONIZALA

“O que máis me preocupa é o fondo descoñecemento e incoherencia do Partido Socialista no que respecta á xestión de residuos, que fai oportunismo político cunha cuestión de país, que afecta a todo o territorio e un servizo básico para a cidadanía”, indicou o portavoz popular.

Neste sentido, Varela recordou que os socialistas estiveron catro anos á fronte da Consellería de Medio Ambiente da Xunta e “fixeron unha Lei de Residuos, na que mantiveron Sogama para agora demonizala”. Así mesmo, cualificou de “irresponsable” que, por primeira vez na  historia, os socialistas repartiran beneficios durante a súa presidencia en Sogama, “unha decisión que o actual Goberno galego botou abaixo para destinar estes fondos a recapitalizar a entidade”.

Daniel Varela acusou aos socialistas de facer “demagoxia” coa xestión dos residuos sólidos urbanos, porque “están convencidos que si cae Sogama poderán obter réditos políticos”. “Deste xeito pódese entender o seu cambio de postura: desde o inicial apoio no seo da Fegamp ao acordo coa Consellería de Medio Ambiente para que os concellos aprazaran o pago do canon ao posterior rexeite coa escusa de que os sistema está desfasado”, indicou.