Partido Popular de Lugo

BALSEIRO APOIA AS INICIATIVAS DA XUNTA PARA A AVALIACIÓN DE NOVOS SISTEMAS DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NOS BUQUES DE BAIXURA

Santiago, 07 de febreiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe a importancia que para os profesionais do mundo da pesca terá o programa no que traballa o Goberno galego de cara a avaliación de novos sistemas de prevención de riscos laborais nos buques de baixura.

O parlamentario popular subliñou a significación desta actuación xa que o sector das artes menores en Galicia ocupa a máis de 7.500 persoas e representa unha facturación entorno a 69,2 millóns de euros. Incluído o marisqueo, a pesca de baixura en Galicia consta de máis de 4.500 embarcacións o que da mostra da amplitude do novo estudo a desenvolver.

ESTUDO MÁIS AMPLO

Balseiro indicou que o obxectivo perseguido polo Goberno galego é elaborar novas ferramentas que sirvan para mellorar as condicións de traballo no sector pesqueiro. Por iso este estudo será moito máis amplo dos que se realizan de xeito habitual e abranguerá todos os riscos identificados, é dicir, que ademais dos de seguridade, incluirá unha avaliación pormenorizada dos riscos hixiénicos, ergonómicos e psicosociais que afectan aos profesionais deste sector no exercicio das súa actividade laboral.

Balseiro tamén indicou que no estudo, ademais de incluír a persoas que realizan o seu traballo a bordo de barcos, tamén haberá un apartado específico a outras que non precisan embarcarse e que forman parte de diversos colectivos: uns dedicados a realizar actividades vinculadas ás tarefas que se realizan nos buques, tales como a descarga do peixe, o seu procesamento e comercialización, a reparación e fabricación de redes e a xestión nas confrarías que os representan; e outros ocupados en actividades de marisqueo ou acuicultura.

En resume, o novo estudo establecerá medidas de protección ligadas ás condicións de traballo destes profesionais e ás consecuencias que os seus desempeños laborais teñen sobre a súa saúde.

COMUNIDADES DO CANTÁBRICO

O deputado popular indicou que a Xunta de Galicia, lidera este proxecto, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde e de xeito conxunto co resto das comunidades do Cantábrico: Asturias, Cantabria e País Vasco.

Cómpre subliñar que no marco xeral de colaboración e intercambio de experiencias xa se desenvolveron varios traballos en anos anteriores, nomeadamente as tres entregas da Guía da vixilancia da saúde e a avaliación de riscos ergonómicos no sector pesqueiro.