Partido Popular de Lugo

Ángeles Lenza di que alcalde ten a obriga de solucionar o deterioro do Punto de Atención á Infancia “con urxencia” e pídelle que “deixe de botar balóns fóra”

Pol, 5 de xaneiro de 2014.- A portavoz do Grupo Municipal Popular en Pol, Ángeles Lenza dixo que o alcalde ten a obriga de dar solución ao deterioro do Punto de Atención á Infancia “con urxencia” e esixiulle que “deixe de botar balóns fóra” e culpabilizar a outras administracións do que é da súa estrita responsabilidade.

“Temos un alcalde que pagamos todos para que resolva os problemas dos veciños e do deficiente funcionamento dos servizos municipais. Que adopte a solución que estime máis acaída, pero que o faga xa, sen máis demora”-esixiu a portavoz popular.

O CONCELLO COMPETENTE PARA O ACONDICIONAMENTO

Ángeles Lenza tamén explicou que ao contrario das teses mantidas polo alcalde, nunhas instalacións cedidas ao Concello –como é o caso do espazo que alberga o PAI- as competencias de mantemento e conservación corresponden, en exclusiva, á administración local.

A edil popular explica que este dato “non o inventa o PP”, senón que así o establece a normativa vixente, en concreto, a Lei 7/1985 de reguladora das Bases de Réxime Local no seu artigo 25 e a Disposición Adicional 15º da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, que aclara de xeito taxativo “que a conservación, o mantemento a a vixilancia dos edificios destinados a centros públicos educativos corresponderá ao municipio respectivo”, teses nas que tamén incide o Orde do 22 de xullo de 1997 sobre organización e funcionamento das Escolas de Educación Infantil.

Ante o contundencia dos datos a edil popular non comprende a falta de sensibilidade do socialista Lino Rodríguez, sobre todo tendo en conta que os usuarios das instalacións son nenos de entre 0 e 3 anos, e tampouco considera comprensible que o rexedor pretenda lavarse as mans e obviar o malestar e as reivindicacións realizadas para arranxar os desperfectos, “pero si en cambio financie pulpadas para Besteiro”

DESAFECTACIÓN

Ángeles Lenza tamén quixo aclarar que se hoxe o Concello de Pol non ten a propiedade destas instalacións é por simple vagancia do actual alcalde, xa que pese a que o anterior Goberno local popular iniciou os trámites da desafectación do inmoble, esta non puido continuar porque Lino Rodríguez non respondeu aos requirimentos de información que se lle fixeron desde a Consellería de Educación.

“Non sei a quen pretende enganar o señor alcalde pero está claro que o que aparece nos expedientes administrativos e o que establece a lei non é interpretable. E será el quen terá que explicar por que non quere facer aquilo que lle demandan os seus propios veciños”- aclara Lenza.

UNHA DEMANDA POLÍTICA PERTO TAMÉN VECIÑAL

A edil popular dixo finalmente que a petición de acondicionamento e mellora das instalacións non so quixo efectualas como portavoz do Partido Popular senón tamén, como usuaria do centro e como calquera veciña, tras observar que hai notables deterioros nas instalacións. Desperfectos que observaría o rexedor si se molestase en visitar e atender as instalacións municipais.

A popular lamenta que o alcalde converta este tema en algo persoal e que chegue incluso a manifestar ardentemente en público que el é quen pode manter aberto ou pechar o PAI esquecéndose que se trata dun servizo básico para a conciliación da vida laboral e familiar e dun dos alicerces fundamentais para fixar poboación nun concello como o de Pol. Tamén lamenta o manifesto feito polo rexedor vendendo o PAI como un favor para os usuarios, e lémbralle que non se trata de ningún favor pois están a pagar por ese servizo.

“O alcalde é quen ten a obriga de garantir a continuidade dun servizo e de molestarse para que este conte coas mellores condicións, pois para iso cobra un soldo, e recibe axudas para o mantemento do estado das instalacións e o funcionamento das mesmas”-lembra Lenza.

Para os populares esta situación denota unha vez máis a falta de criterio que ten o equipo de Goberno para xestionar os distintos servizos municipais. “Recórdolle que o alcalde é vostede é ten o deber de velar polo benestar dos veciños do concello e facer os trámites oportunos e necesarios para conseguir mellor servizos”.