Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR QUERE AMPLIAR O NÚMERO DE BENEFICIARIOS DAS FUTURAS AXUDAS EUROPEAS PARA A FLOTA COSTEIRA ARTESANAL

Santiago, 4 de febreiro de 2014. O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe que a súa formación política quere ampliar o número de beneficiados que, con preferencia, poderán optar ás futuras axudas europeas previstas para a flota costeira artesanal.

Os populares defenderán mañá unha proposición non de lei na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia a través da que buscan acadar un acordo unánime das forzas políticas para dirixirse as institucións comunitarias e pedirlle que amplíe a definición deste segmento de flota para que inclúa a realidade das embarcacións artesanais galegas.

INCLUÍR ÁS EMBARCACIÓNS DE 12 A 15 METROS

Balseiro explica que para lograr este obxectivo pedirán a Europa que sume dentro dos destinatarios preferentes das axudas do futuro Fondo Martímo-Pesqueiro tamén ás embarcacións de entre 12 e 15 metros de eslora, sempre que cumpran outros requisitos como pode ser a duración das mareas, a proximidade do caladoiro á costa -dentro do mar territorial- ou, incluso, o tipo de artes que empregan. Polo momento, as institucións comunitarias reducen a consideración de flota pesqueira artesanal a aquelas embarcacións de ata 12 metros de eslora.

“En Galicia, hai un importante número de embarcacións que superan estes límites de entre 12 e 15 metros, pero que tamén forman parte do que poderíamos definir como unha actividade de baixura artesanal”, dixo Balseiro, quen lembrou que os profesionais desta flota “pasan as mesmas horas no mar, compartindo incluso caladoiros de pesca e artes, pero estarían a encadrarse en categorías diferentes por superar uns metros o límite de medida, o que implica tamén, que non poderían acceder ás partidas principais do novo instrumento financeiro europeo”

BENEFICIARIOS 700 EMBARCACIÓNS

Segundo as estimacións que manexan os populares, só en Galicia entorno a 700 embarcacións poderían sumarse á súa consideración como flota artesanal pese a que hoxe non teñen esta consideración: uns 560 barcos que miden entre 12 e 15 metros de eslora, dos que 357 son embarcacións auxiliares da acuicultura. Pola contra, para Bruxelas outras 3.872 embarcacións si poderían obter ese recoñecemento. Balseiro lembrou que o sector de artes menores e marisqueo, coas súas prácticas artesanais, poñen en valor as nosas capturas e xeran entorno a 27.000 empregos na Comunidade galega.

“Estamos a pedir, en definitiva, que o conxunto da flota artesanal pesqueira galega, na súa composición real, poida beneficiarse das axudas do novo Fondo Marítimo Pesqueiro. Pedimos, máis axudas para a nosa pesca”, concluíu Balseiro, quen insistiu na importancia de que sexa Galicia quen lidere, con este acordo no Parlamento, esta reivindicación ante Bruxelas, que xa foi obxecto de debate durante a discusión do novo instrumento financeiro a proposta da Xunta e do Ministerio pero, que polo momento, non foi atendido pola Unión Europea.