Partido Popular de Lugo

JULIA RODRÍGUEZ SOLICITA QUE O PREZO FINAL DAS PARCELAS DO PORTO SECO DE MONFORTE SE REDUZA RESPECTO DO CUSTO ORIENTATIVO, FIXADO EN 71 EUROS POR METRO CADRADO

Santiago, 30 de xaneiro de 2014.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que insta á Xunta de Galicia a facer todas as xestións necesarias para que o prezo final de venta das parcelas do Porto Seco de Monforte se reduza, na medida do posible, respecto do custo inicial orientativo de 71 euros por metro cadrado. A proposta da deputada popular inclúe, ademais, a solicitude para que se estude a implantación dunha oficina aduaneira para este área por parte do organismo competente do Estado.

Rodríguez Barreira recorda que neste momento, unha vez rematada a urbanización e adxudicadas as obras de acceso coa estrada LU-933, “compre iniciar as xestións necesarias para a comercialización das parcelas do Porto Seco”.

ESTIMULAR A IMPLANTACIÓN DE EMPRESAS

“Vimos de coñecer que o prezo de venda das parcelas do Porto Seco está en fase de estudo e que na apertura do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial fixouse un prezo inicial orientativo de 71 euros/metro cadrado, ao tempo que se está a estudar a posibilidade de solicitar do organismo competente do Estado a implantación dunha oficina aduaneira para este área”, manifesta a deputada popular.

Julia Rodríguez considera “de especial importancia contar cun prezo competitivo por baixo do fixado como orientativo que estimule a implantación de empresas no Porto Seco, tendo en conta o esforzo inversor realizado, a presenza de Monforte como nó loxístico da Rede Transeuropea de Tranportes e, máis en concreto, na Rede Básica de Mercadorías”.

IMPULSO DO ACTUAL GOBERNO GALEGO

O Porto Seco de Monforte é un proxecto participado pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, Renfe e o Concello de Monforte que naceu co obxectivo de converterse no Centro Loxístico de Galicia, avalado pola súa estratéxica localización ferroviaria, a súa situación equidistante respecto dos principais portos de Galicia ou a proximidade aos tres aeroportos galegos.

“Logo dos retrasos sufridos por esta importante plataforma loxística, o actual Goberno galego doulle o impulso necesario para a súa posta en marcha coa realización das obras de urbanización e a dotación de accesos”, sinalou a deputada popular, quen considerou “vital para o seu futuro que o prezo das parcelas se sitúe nun importe adecuado á oferta existente e á actual situación da economía española”.