Partido Popular de Lugo

O PP de Pol reclama ao Alcalde que realice con urxencia as reparacións e melloras necesarias nas instalacións do Punto de Atención á Infancia

Pol, 28 de xaneiro de 2014.- A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Ángeles Lenza, explicou hoxe que a súa formación política reclamará no vindeiro pleno que o Concello realice con urxencia as reparacións e melloras necesarias nas instalacións do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Pol, que nos últimos tempos presenta unha serie de deficiencias recorrentes, ante a pasividade do Equipo de goberno local.

Os populares fanse eco, deste xeito, do malestar que lles trasladan as nais e pais dos usuarios que, como o propio Grupo Municipal, enxalzan e recoñecen o meritorio e esforzado traballo das profesionais que atenden o centro, tendo en conta o mal estado das instalacións.

Ángeles Lenza sinala que o Concello non pode seguir facendo oídos xordos ante estas deficiencias detectadas, nin reforzar as labores de mantemento obrigadas, sobre todo cando se trata dun servizo público, de titularidade municipal, esencial por canto atende a un colectivo que precisa de especiais medidas de coidado, como son os nenos de entre cero e tres anos.

CONCILIACIÓN E FIXACIÓN DE POBOACIÓN

Ao mesmo tempo, a portavoz popular, lembrou que o PAI naceu como instrumento para garantir a conciliación da vida familiar e laboral de moitos veciños con fillos en idade pre-escolar, e que se trata dun servizo básico no obxectivo de fixar poboación, un reto moi importante nun concello pequeno afectado, como moitos, pola crise demográfica.

MÚLTIPLES DEFICIENCIAS

Os populares enumeran entre as problemáticas que presenta o centro as paredes gretadas, a humidade que presentan as aulas, o deficiente estado das portas e dalgún mobiliario e un incorrecto illamento térmico e ambiental. Ángeles Lenza tamén denuncia os recortes do Concello nos recursos dispoñibles que obriga a reciclar, en repetidas ocasións, os materiais que proporcionan as nais e pais.

PROXECTO DE MELLORA ABANDONADO

Por se isto fóra pouco, a maiores desde o Grupo Popular lembran que, de xeito inxustificado e imprudente, tralo acceso á responsabilidade de Goberno do actual alcalde, non se deu continuidade ao proxecto previsto polo Partido Popular para a mellora destas instalacións.

Ángeles Lenza di que os populares previron acometer obras consistentes no peche do patio exterior e na reordenación dos actuais locais, multiplicando o espazo dispoñible e permitindo unha separación de estancias con zonas independentes para xogos, durmir e realizar outras actividades, pero que este proxecto foi abandonado polo actual alcalde.

DESINTERESE E DEIXAMENTO

O Grupo Popular denuncia a neglixencia do Equipo de Goberno e sinala que moitas das deficiencias detectadas se deben a unha cadea de erros e de deixamento que podería terse evitado cun mínimo interese e de ter coidado as instalacións e aplicado un mínimo mantemento.