Monterroso, 24 de xaneiro de 2014. Logo da apertura das instalacións da estación de autobuses de Monterroso, a voceira dos populares, Pilar Varela, mostrou a súa satisfacción pola iniciativa do rexedor, de escoitar, obedecer e rectificar ante as iniciativas e peticións dos populares.
“As instalacións da estación de autobuses están abertas gracias ao traballo e insistencia dos populares”- manifestou Pilar Varela, quen engadíu que o seu grupo ven instando e urxindo ao Señor Gato a que tomase cartas no asunto e solventase esta problemática que lle estaba a causar uns grandes trastornos aos veciños.
A popular lembrou que os aseos públicos eran inaccesibles polo peche das instalacións e a primeira imaxe que recibían os visitantes era de total sucidade, descoido e falta de mantemento.
Pilar Varela reiterou que foron os populares quenes no pasado mes de decembro, presentaran unha moción na sesión plenaria, instando ao equipo de goberno local a corrixir as deficiencias da estación de autobuses.
Concluíu a popular tildando esta tarefa de positiva pero asegurou que non é suficiente posto que o entorno que rodea as instalacións (campo de herba e alumeado público) están en mal estado polo que instou ao rexedor a solventar tamén esta problemática.