Ribas de Sil, 24 de xaneiro de 2014- Logo de que o Diario Oficial de Galicia publique no día de hoxe os concellos beneficiarios de axudas para o soterramento de infraestructuras eléctricas e sendo Ribas de Sil un dos beneficiarios, o voceiro dos populares neste municipio, Jesús Ballesteros, puxo en valor o compromiso do goberno galego con este municipio.
Jesús Ballesteros salientou os preto de 35.000 euros, concretamente 34.976,00 euros que destina o executivo galego para o soterramento de infraestructuras eléctricas no núcleo urbano de San Clodio- Barrio de Outeiro.
O popular lembrou que a liña de axudas para a mellora do subministro eléctrico dos concellos contou en 2013 cun orzamento de 1,5 millóns de euros e ten como obxectivo apoiar aos municipios para a acometida de proxectos de soterramento das súas infraestructuras eléctricas.
Neste senso, Jesús Ballesteros afirmou que se impulsaron infraestructuras de soterramento, tanto en obra eléctrica como en obra civil, o que permitíu, dixo, traballar en pro da eliminación do impacto paisaxístico que xeran estas liñas, mellorando ademais as súas características técnicas, o que, en última instancia, suporá un incremento na calidade da subministración eléctrica.
Concluíu o popular manifestando que estas obras aportan importantes beneficios sociais que contribúen ao desenvolvemento dos concellos galegos.