Lugo 23 de xaneiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular interesarase en pleno pola existencia doutras posibles axudas asumidas con fondos públicos da Deputación e aboadas por Besteiro directa ou indirectamente ao sindicato UXT.
Os populares reforzan a súa labor de control e fiscalización do bipartito neste ámbito, logo de coñecerse as últimas noticias que confirmaban o pago, con cargo a fondos públicos provinciais de xantares a beneficio dos participantes nos últimos congresos do sindicato socialista.
O Grupo Provinical Popular rexistrou hoxe unha pregunta para a súa resposta no pleno do próximo martes e na que, en concreto, demandan que o presidente da Deputación indique cal é a contía de diñeiro público que se dirixiu a UXT desde o ano 2007 -data na que o bipartito accedeu ao Goberno provincial- e que se determine o importe global destes abonos tanto a través de subvencións de carácter directo como indirecto, isto é, tras asumir pola Deputación gastos en beneficio deste sindicato.
Novas sospeitas
O GPP quere coñecer se esta situación puido darse noutras ocasións tendo en conta as desclaracións tanto de Manuel Martínez, portavoz socialista do goberno bipartito na Deputación de Lugo e do propio presidente Besteiro que sitúan, a modo de xustificación, estes abonos “dentro da normalidade”.
Por todo iso, os populares formularán a pregunta durante o transcurso dunha sesión plenaria na que agardan que Besteiro rompa o silencio que mantivo ata o de agora e dea as explicacións das razóns que motivaron ao presidente provincial a levar a cabo estes pagos con cargo ao diñeiro de todos os lucenses.
O PP reitera a acusación á Deputación Provincial por facer un uso incorrecto do diñeiro de todos os lucenses e máis na actual situación económica que obriga a estremar as precaucións e desenvolver unha xestión que optimice os fondos públicos e o seu destino a gastos necesarios.