Lugo, 21 de xaneiro de 2014.- O deputado do Grupo Popular, Vidal Martínez-Sierra, valorou hoxe como moi positivo que ata sete centros de ensino público da Mariña lucense poidan impulsar, coa axuda da Xunta, distintas actuacións de mellora da calidade educativa, a través dos denominados contratos- programas, unha iniciativa de apoio que o Goberno galego puxo en marcha xa no curso académico 2011/2012 e que este ano terá continuidade grazas ao respaldo da administración autonómica.
Martínez-Sierra explicou que na nosa comarca os centros educativos beneficiarios son o CEIP Virxe do Carme (Burela), o CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), o CEP Lois Tobío (Viveiro), o IES Montes Castelo (Burela), o IES Perdouro (Burela), o IES de Foz, e o IES Plurilingüe San Rosenso (Mondoñedo), isto é, todos os que solicitaron participar neste programa.
ACTUACIÓNS DE MELLORA ESCOLAR
Martínez-Sierra puxo como exemplo práctico que a axuda da Xunta permitirá executar programas de reforzo, orientación e apoio, de mellora da lectura, escritura e cálculo, de mellora da convivencia e de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, que son as actuacións proxectada por cada centro segundo o seguinte cadro:
Centro |
Actuación a desenvolver |
CEIP Virxe do Carme (Burela) |
Reforzo, orientación e apoio (modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo) |
CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo) |
Reforzo, orientación e apoio (modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo) |
CEP Lois Tobío (Viveiro) |
Mellora da lectura, escritura e cálculo |
IES Monte Castelo (Burela) |
Reforzo, orientación e apoio (modalidade de reforzo (en horario lectivo) e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia |
IES Perdouro |
Reforzo, orientación e apoio (modalidade de reforzo e acompañamento escolar), Mellora da convivencia |
IES de Foz |
Reforzo, orientación e apoio (modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo) |
IES Plurilingüe San Rosendo |
Mellora da lectura, escritura e cálculo e Reforzo, orientación e apoio (modalidade de reforzo en horario lectivo) |
DESEÑADO DESDE OS CENTROS
O deputado popular quixo destacar tamén que, no deseño das actuacións a desenvolver a Consellería de Cultura e Educación quixo facer partícipe ao profesorado, xa que son os docentes, xunto ao equipo directivo os que, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñan e propoñen un proxecto propio enfocado ás principais necesidades detectadas. Esta característica ofrece aos centros educativos un marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión dos seus programas e recursos.
UN 28% MÁIS DE RECURSOS DISPOÑIBLES
Martínez-Sierra lembrou, finalmente que esta é a terceira convocatoria na que se confirma o éxito do programa desenvolvido pola Xunta e na que participaron este curso un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón do 15,6% con respecto ao curso pasado. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.