Lugo, 21 de xaneiro de 2013.- A portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia insistiu hoxe en reclamar a Besteiro “que de á cara e explique en primeira persoa, e sen máis demora, o pago con diñeiro público das comidas a UXT”. A deputada provincial popular fixo estas declaracións tras coñecerse que o tamén secretario xeral dos socialistas galegos quere retrasar a súa obriga de dar conta deste “grave asunto” ata o vindeiro pleno da Deputación previsto para o día 28.
DEBE UNHA EXPLICACIÓN AOS LUCENSES
“Besteiro debe explicarse non porque o reclame o PP senón porque ten que facelo ante os cidadáns de Lugo, xa que son os seus cartos, cos que se pagaron estas comidas”-dixo Candia.
A portavoz popular lembra que a Deputación autorizou, por Decreto o abono de dúas facturas por importe de máis de 7.000 euros para facer fronte ao gasto en comidas de 288 sindicalistas de UXT, en coincidencia coa celebración de dous congresos deste sindicato socialista.
¿TRATO DE FAVOR A UXT?
Candia tamén lamentou que “nun claro exemplo de falta de sensibilidade e de abstracción dos tempos que corren” desde o bipartito provincial “defendan como normal” o pago destas facturas e pregúntase se o presidente da Deputación lucense dispensa un trato a favor da UXT ou teñen previsto aplicar este mesmo criterio ao outros sindicatos ou entidades que así o soliciten.
CORTIXO PARTICULAR
Os populares na Deputación de Lugo piden que Besteiro non siga a poñerse de perfil ante a necesaria rendición de contas que debe facer ante os lucenses e di que tanto o PSOE como o seu socio de goberno, o BNG, teñen dado mostras máis que evidentes de que confunden a Deputación co seu cortixo particular e esquecen, que están xestionando o diñeiro público de todos os lucenses.