Partido Popular de Lugo

Os populares temen que o alcalde de Rábade volverá a facer oídos xordos ante o mal estado da traída municipal de auga

Lugo, 18 de xaneiro de 2014.- A portavoz do Partido Popular de Rábade, Maria Luisa Macía, denunciou hoxe que, unha vez máis, o alcalde volverá a facer “oídos xordos” ante o mal estado da traída municipal, que provoca que a auga que chega a vivendas e comercios do municipio presente cor marrón e un mal cheiro.

Así o denuncia Macía logo de coñecer que, de novo, Francisco Fernández Montes ordenou transformar unha moción municipal que os populares tiñan presentado en relación con esta problemática nun simple rogo, censurando, deste xeito, calquera posibilidade de debate e votación no pleno previsto para o vindeiro luns ás 20 horas.

A edil popular lamenta e censura a actitude do alcalde, sobre todo tendo en conta que a petición formulada na moción ten un carácter construtivo, e se limita a trasladar ao Pleno municipal unha problemática que afecta a todos os barrios e pola que se multiplican as queixas de veciños, empresas e comerciantes -malestar que se acrecentou nas pasadas datas de Nadal- e a pesar das que o Concello segue a negarse a tomar unha solución.

ESIXE SOLUCIÓNS

María Luisa Macía lembra que o acordo proposto na moción popular vén a esixir ao alcalde, Fernández Montes, que adopte as medidas necesarias para rematar con esta problemática. Insiste en que é competencia do Goberno local garantir o tratamento e os procesos que deben aplicarse a auga da traída municpal para acadar a calidade desexada. Sinala que se o Concello quixera, desenvolvería as labores de vixilancia, supervisión e seguimento preciso para adoptar, unha vez detectada a orixe do problema, as medidas correctoras necesarias

COMPORTAMENTO DITATORIAL

Os populares lembra que Fernández Montes continúa comportándose como un ditador, obstaculizando a capacidade de control e impulso político da oposición, impedindo a presentación de mocións ou a consulta periódica do rexistro municipal, isto é, colocando ao Concello nunha situación de excepción inaudita en toda a provincia e no conxunto de Galicia, pola falta de participación e escurantismo coa que actúa o alcalde.

Maria Luisa Macía remata asegurando que Fernández Montes ten a obriga de solucionar os problemas dos veciños e dos servizos municipais que xestiona, e neste senso non entende a actitude dun alcalde que “nin fai, nin deixa facer”.