Partido Popular de Lugo

BALSEIRO INTERÉSASE POLO FUNCIONAMENTO DA NOVA UNIDADE DE ATENCIÓN A DOMICILIO QUE O SERGAS PUXO EN MARCHA NO HOSPITAL DA COSTA

Santiago, 18 de decembro de 2013.- O deputado popular e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, rexistrou unha pregunta parlamentaria na Cámara autonómica, interesándose polo funcionamento da nova Unidade de atención a domicilio que o SERGAS puxo en marcha no Hospital da Costa.

O parlamentario popular quere que a Consellería de Sanidade faga unha avaliación destes primeiros meses de funcionamento, do número de mariñáns que se teñen beneficiado do mesmo e das previsións da Xunta respecto deste novo servizo chamado a implantarse  de xeito gradual, en todos os concellos da comarca norte lucense que forman a área de influencia do Hospital da Costa.

Balseiro lembrou que a Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) da Mariña lucense é a segunda que opera no conxunto da provincia de Lugo, despois da posta en marcha dunha Unidade similar na área sanitaria centro, dependente do Hospital Universitario Lucus Augusti.

MÚLTIPLES VANTAXES

O deputado popular sinala que coa creación desta nova Unidade de atención á saúde o Goberno galego foi quen de achegar o maior número de servizos sanitarios posibles aos cidadáns e é, un exemplo máis, da determinación da Xunta de Galicia de potenciar o Hospital da Costa, ofertando máis competencias asistenciais e garantindo, deste xeito, a súa continuidade e proxección de futuro.

Segundo Balseiro durante o, polo de agora curtos meses de funcionamento, a nova Unidade de hospitalización da Mariña xa deu mostras das moitas vantaxes que trae aparelada xa que, este novo servizo pretende evitar aos enfermos -na maior parte dos casos crónicos- a estadía nun lugar alleo ao seu contorno habitual.

O parlamentario popular sinala que grazas a este despregue e mellor utilización dos recursos sanitarios dispoñibles, o Hospital da Costa é capaz de prestar ao paciente no seu domicilio a atención médica e de enfermería que o seu proceso requira, sen necesidade de ter que permanecer ingresado máis tempo do necesario.

COMPROMISO

Entre as cuestións polas que se interesa Balseiro están os criterios de funcionamento desta Unidade, a dotación de medios e persoal, o número de pacientes que se benefician e poderán beneficiar do novo servizo e as patoloxías atendidas, así como polas previsións do Goberno galego en relación coa mesma.