Lugo, 17 de xaneiro de 2014.- O deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro lembrou ao PSOE que todos os concellos da provincia poderán participar nos obradoiros de emprego da Xunta.
O Goberno galego, a diferenza do que fai a Deputación de Lugo, elaborou unhas bases de convocatoria que abren a porta a calquera municipio lucense, sen exclusión, para que poida solicitar –so ou en compañía doutros- un obradoiro de emprego.
A DEPUTACIÓN MAL EXEMPLO
O popular amosou a súa sorpresa ante as críticas dos socialistas, tendo en conta ademais que “veñen dun partido que alí onde goberna, na Deputación de Lugo, non é exemplo de apoios aos desempregados senón todo o contrario”.
Balseiro quixo lembrarlles que o partido de Besteiro elaborou unhas bases que, tal e como se corroborou na realidade, deixan fóra do Plan de emprego provincial a 9 de cada 10 lucenses en paro e a 55 dos 67 concellos da provincia, que nin tan sequera poderán participar na selección
LUGO E MONDOÑEDO
Balseiro tamén quixo poñer tres exemplos que demostran que non existe discriminación algunha nas bases que rexen os obradoiros da Xunta: Neste senso lembrou que Lugo capital -onde hai un alcalde do PSOE-, Mondoñedo –onde hai un alcalde do BNG- ou Rábade –con alcalde independente- foron tres localidades nas que os seus veciños en paro puideron beneficiarse dos obradoiros da Xunta.
Balseiro tamén replicou ao PSOE que “o PP no ten a culpa de que os socialistas gobernen poucos concellos na provincia. E indicou que son os cidadáns os que, co seu voto, amosan que non confían no PSOE á vista dos malos resultados electorais que colleitan”
NON OS SOLICITARON
O dirixente popular rematou lembrando que a falta de confianza e apoio electoral no PSOE e BNG é moi lóxica vendo como actúan. E nesa liña lembrou que “os mesmos que se están a queixar de que non reciben obradoiros á hora da verdade sabemos que o 90% das ocasións, os concellos gobernados por PSOE e BNG nin tan sequera as solicitan.
Recuperando datos xa coñecidos Balseiro lembrou que así aconteceu, por exemplo, nos tres últimos anos, cando 10 concellos como son os de Viveiro, Castroverde, A Pontenova, Pobra do Brollón, O Incio, Pol, Samos, Riotorto, Ribas de Sil e Negueira nunca solicitaron da Xunta un obradoiro de emprego. E no caso de A Fonsagrada, Monterroso, A Pastoriza, Cervantes, Navia, Pedrafita só o fixeron nunha ocasión das tres oportunidades dispoñibles.