Lugo, 16 de xaneiro de 2013.- O deputado do Grupo Popular e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, recomendou ao presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, que “abra os ollos” e deixe de actuar desde a administración provincial “con ineficacia e ineficiencia no gasto público” cando se trata de apoiar aos sectores primarios do noso país, ao medio rural e á pesca.
O parlamentario popular lamenta que Besteiro non queira “por sectarismo político” coordinarse e colaborar coa Xunta e outras administracións, para impulsar proxectos que irían en beneficio dos profesionais destes sectores de tanta importancia para Lugo e para Galicia. Balseiro considera que na visita que Besteiro onte realizou á Mariña lucense, tivemos dous exemplos claros desta falta de interese por sumar esforzos no ámbito agrogandeiro e pesqueiro.
FORMACIÓN REGRADA NA GRANXA ESCOLA PEDRO MURIAS
Balseiro fixo estas declaracións tras observar que “nun desesperado intento por gañar un titular” Besteiro “mentiu” ao asegurar que o proxecto que ten previsto impulsar no Valadouro “será –e cito textualmente- a primeira escola pública en Galicia de horticultura ecolóxica”. Os populares lamentan que alguén da posición política de Besteiro poida descoñecer que tamén na Mariña lucense a Xunta dispón do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, en Ribadeo, que leva anos ofrecendo formación regrada e outorgando titulacións oficiais neste ámbito.
Balseiro quixo aclarar que os populares nunca estarán en contra da apertura dunha nova escola de formación, ao contrario, parécelles unha iniciativa positiva, pero lamenta que a incapacidade da Deputación de coordinarse coa Xunta e de falar co sector impida sumar esforzos nun ámbito no que xa existen institucións en funcionamento e, polo tanto, no que a Deputación dun xeito ineficiente solapa servizos.
De feito, Balseiro lembrou que a escola Pedro Murias de Ribadeo -centro autonómico que formación regrada e oficial- ten xa en marcha programas formativos de “avicultura ecolóxica” ou de “produción agroecolóxica”. “O propio –lembrou Balseiro- é traballar en conxunto para mellorar o que se ten sumando todos e non andar vendendo que acaban de descubrir a pólvora”.
Ao mesmo tempo lembra que a Xunta de Galicia xa ofrece asesoramento profesionailizado e sen custe, para os profesionais do sector e para a creación e consolidación dos seus proxectos a través das Oficinas Agrarias Comarcais ou das axudas europeas que, con este fin, son convocadas cada ano. Polo tanto unha vez máis a Deputación solapa servizos que xa existen.
Os populares acusan a Besteiro de protagonizar un intento de “subirse a un tren en marcha sen billete” cando parece descubrir como novidade o ámbito de agricultura ecolóxica, segundo datos oficiais do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) só nos últimos dez anos se ten quintuplicado a superficie destinada a este tipo de produtos, grazas tamén aos apoios ofrecidos desde o Goberno galego
PESCA
No ámbito da pesca, Balseiro dixo que acontece máis do mesmo. O popular asegura que a Xunta non conta coa colaboración da Deputación de Lugo para impulsar proxectos de I+D+i (investigación, desenvolvemento e innovación) pero, o que aínda é máis grave, Besteiro nin tan sequera fala co propio sector, e polo tanto impulsa iniciativas que, non responden ás verdadeiras prioridades dos profesionais.
Así por exemplo lembrou que o convenio asinado co concello de Viveiro para obter novos derivados do bonito e da pescada, incide en dous produtos que xa a día de hoxe obteñen un alto valor en primeira venda. Nese senso o tamén portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular lembrou que o músculo do bonito e da pescada é o que se emprega preferentemente para os produtos culinarios e, polo tanto, o que maior aproveitamento comercial e valor engadido aporta.
Balseiro cre que Besteiro ten perdido unha oportunidade única para -en coordinación cos propios profesionais do sector e coa Xunta- impulsar a investigación noutros ámbitos, que adquiren unha relevancia especial como nova Política Pesqueira Común (PPC) como son, por exemplo, os novos usos a especies de baixo valor en primeira venda ou o aproveitamento dos descartes pesqueiros.
Nesta liña recomendoulle ao presidente da Deputación lucense tomar exemplo da Deputación de Pontevedra que, cada ano coordina as súas liñas de investimento no ámbito agrogandeiro, forestal e pesqueiro coa propia Xunta de Galicia e co sector. Froito desta colaboración se impulsan medidas como ás axudas ás confrarías de pescadores ou experiencias de investigación como as impulsadas, en convenio coa Xunta como a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (investigación forestal e agraria) ou o do Laboratorio Agroalimentario de Mouriscade (Lalín).
Balseiro amosouse finalmente convencido de que o tamén secretario xeral dos socialistas galegos, se tivera falado cos seus portavoces parlamentarios de Medio Rural e do Mar, tivera acertado máis na forma de orientar os apoios a estes procesos produtivos do que o fai desde a Deputación lucense.