Partido Popular de Lugo

O PP de Pol quere manter o tradicional xantar anual cos xubilados que viña organizando o Concello

Lugo, 14 de xaneiro de 2014.- A portavoz do Partido Popular de Pol, Ángeles Lenza explicou que a súa formación política vén de rexistrar unha moción, para o seu debate no vindeiro pleno municipal, na que insta ao alcalde a manter o tradicional xantar cos xubilados que, cada ano, organizaba o Concello.

A edil popular lembra que o alcalde socialista Lino Rodríguez, decidiu suprimir esta actividade para dar cobertura e substituíla pola pulpada que se organizou o pasado venres con ocasión da visita á localidade de Jose Ramón Gómez Besteiro.

Os populares non comprenden a decisión do alcalde que consideran inxusta e lembran que moitos veciños xubilados do municipio nin tan sequera participaron na pulpada pois descoñecían que con esta se pretendía substituír á cita anual dos xubilados.

Ángeles Lenza foi aínda máis lonxe na súa valoración e tras lembrar que moitos dos asistentes á pulpada nin tan sequera eran residentes en Pol pediu que o custe no que o Concello ten incorrido debería ser asumido polo PSOE, pois se trataba, intentaran ou non disfrazalo, dun acto político e partidista e non institucional.

A PETICIÓN: QUE O XANTAR DE XUBILADOS SE MANTEÑA

Con todo, a iniciativa plenaria do Grupo Popular, que propoñen dun xeito construtivo, evita afondar na polémica pulpada para limitarse a instar ao Concello a dar continuidade ao tradicional xantar con xubilados.

Ángeles Lenza defende que o xantar con xubilados tiña por obxecto servir de homenaxe a agradecemento, aos nosos maiores polo papel que teñen desempeñado e aínda desempeñan na sociedade e nas súas familias, á vez que quería servir de punto de encontro e intercambio de experiencias, nun ambiente lúdico, das persoas de maior idade.

A edil popular indica finalmente que este tipo de eventos debe organizarse con sentido común, e isto significa, dun xeito coherente co contexto xeral de crise. Nesta liña apunta a que existen distintas medidas para facer compatible a continuidade desta cita anual e a debida austeridade, mantendo un evento que tamén forma parte do calendario habitual de actividades socioculturais noutros moitos concellos.