Partido Popular de Lugo

López Penabad insiste na perigosidade que supón o estado lamentable do parque do mineral

Ribadeo, 13 de xaneiro de 2014. O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, alertou hoxe do perigo que supón o estado lamentable no que se atopa a zona da vila coñecida como Parque do Mineral, polo que reclama ao goberno local que actúe urxentemente para reparar os numerosos estragos que hai nesa área recreativa.

PEOR ESTADO DEBIDO AO PASO DO TEMPORAL POLA LOCALIDADE

Jesús López Penabad explicou que tras reiteradas denuncias feitas polo Partido Popular con respecto ao Parque do Mineral, na entrada a Ribadeo dende Vegadeo ao lado do Parador, e despois do temporal que estes días pasados fixo estragos en toda a vila, e nesta zona tamén, “temos que volver denunciar que ese lugar está nunha situación lamentable e de inseguridade para os usuarios daquela zona verde”- manifestou.

Di o popular que este lugar segue a ser un perigo porque alí puxeron uns ferros e uns cordóns, que xa romperon e nas escaleiras de baixada é onde está o máis grave, porque o pasamáns de madeira apenas se ve e hai un tramo onde está en pé e dous nos que xa non existe.

“O temporal acabou de romper o encabezado e o comezo desas escaleiras cara ao paseo marítimo”- manifestou López Penabad quen reiterou, unha vez máis, nesta situación porque precisa dunha actuación rápida e urxente, pois aparte de inseguro e perigoso presenta un estado lamentable.

O presidente do Partido Popular ribadense engadiu que esta é a tónica que vemos en todo Ribadeo e por iso facemos este tipo de denuncias. “Algunha fructificou, como foi no caso das vivendas dos profesores, e de aí que reiteremos e volvamos recordarlles as actuacións que de maneira urxente necesita Ribadeo”- aseverou.

FELICITA O ANO 2014 A TÓDOLOS RIBADENSES

“Como son as primeiras declaracións que fago neste ano deséxolles a todos os ribadenses un feliz ano, moita saúde e sorte para este 2014”, rematou López Penabad.