Partido Popular de Lugo

O GPP denuncia que Besteiro busca darse un baño de masas a costa dos cartos municipais dos veciños de Pol

Lugo, 9 de xaneiro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo denunciou hoxe que Jose Ramón Gómez Besteiro busca darse un baño de masas a costa dos cartos dos veciños de Pol. Os populares fixeron estas acusacións tras ter coñecemento de que desde a Alcaldía desta localidade distribuíronse carteis informativos nos que se indica que o Concello organiza e pagará unha pulpada a todos aqueles veciños que se acheguen ao acto de colocación da primeira pedra da nova residencia para persoas maiores desta localidade.

Os populares acusan ao presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral dos socialistas galegos, Gómez Besteiro, de participar nun acto que cualifican de vergoñento e impropio nestes tempos de crise e dificultades, ao mesmo tempo que lamentan que Besteiro se preste a unha manobra pola que o mesmo Concello que de xeito recente sube as taxas e impostos aos seus veciños, non ten problema en sufragar con cartos públicos comilonas coas que busca garantir a asistencia ao evento.

O PP na Deputación de Lugo considera un erro que o dirixente provincial socialista participe na pulpada, que nada ten que ver coa actividade institucional, e reclaman aos edís do Goberno local e, nomeadamente ao alcalde, que pague do seu peto o custe da degustación.

Insisten desde o Partido Popular na Deputación que se trata dun acto prescindible e politicamente imprudente e se preguntan que será o que ten pensado facerse desde a Alcaldía cando se inaugure a residencia, unha vez que observan a desproporción do acto organizado tan só para colocar a primeira pedra, sen aínda ningunha obra executada.

NON ASISTIRÁN Á DEGUSTACIÓN

Desde o Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo consideran que a organización desta comilona popular xera un dano importante na imaxe do Concello e adiantan que, de levarse a cabo deste xeito, e non corrixirse esta convocatoria, aplauden a decisión dos representantes do Grupo Municipal Popular que se limitarán a asistir ao acto de colocación da primeira pedra pero non participarán na pulpada posterior, como tampouco debería facelo o propio Gómez Besteiro.

A FAVOR DA RESIDENCIA, EN CONTRA DA COMILONA

Desde o GPP queren deixar claro que son favorables a creación dunha residencia para persoas maiores nesta localidade e urxen incluso a acelerar a súa construción, pero non comparten que de destinen cartos públicos municipais para sufragar a degustación, cando sobre todo nos tempos actuais, poderían destinarse a outras prioridades ou a cubrir as necesidades de moitos veciños que se atopan en situación de dificultade.

ÁGAPE GRATUÍTO

Os carteis, menbretados co escudo institucional de Pol, indican que “o Concello de Pol ten o pracer de invitarlles ao acto no que se contará coa presenza do Excmo. Presidente da Deputación de Lugo, D Jose Ramón Gómez Besteiro, e unha degustación de pulpo na Caseta do Mosteiro”. Na parte inferior pregan ás persoas interesadas en asistir a que chamen ao Concello. Os medios de comunicación xa se facían eco desta convocatoria e indicaban que a pulpada será gratuíta, previa inscrición dos que estean interesados en acudir.