Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial Popular pregunta onde estaba a Deputación de Lugo cando co PSOE a suba da luz superaba o 63%

Lugo,  07 de xaneiro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular preguntou onde estaba a Deputación lucense cando durante a última lexislatura do PSOE a suba da luz superaba o 63,5%. Os populares cren que daquela os actuais responsables do bipartito provincial permanecían mudos e inmóbiles ante un tarifazo que é consecuencia da mala xestión do PSOE no ámbito eléctrico.

Desde o Grupo Provincial Popular son partidarios de calquera medida que contribúa a compensar os efectos da factura eléctrica pero observan un evidente oportunismo por parte da Deputación á hora de anunciar agora medidas que xa eran preciso impulsar fai anos, con máis motivos, cando co PSOE no Goberno o recibo da luz multiplicábase e subia máis dun 60%, asfixiando a fogares, empresas e administracións.

Os populares lucenses lamentan a dobre vara de medir da administración que dirixe Besteiro que tan só parece ocuparse dos problemas dos lucenses cando lle interesa politicamente, pero que é incapaz de facelo, cando se trata de xulgar, compensar ou enfrontarse ás consecuencias da desastrosa xestións do seu propio partido.

Con datos na man, desde o GPP lembran que co PSOE no Goberno central ano tras ano seguiu subindo a luz: un 8,9% en 2008; un 7,66, en 2009; un 9,6%, en 2010 e un 11,3% en 2011. Só desde xullo de 2007, o recibo sumou un encarecemento un 63,5%. O maior tarifazo tivo lugar en xaneiro de 2011 cun alza histórica do 9,8%, o que supuxo 3,2 euros ao mes.

Pola contra a intervención do actual Goberno popular evitou que este mes de xaneiro a tarifa da luz subira un máis dun 11%, como as eléctricas pretendían nun principio, limitándoo a un incremento do 2,3%, moi inferior. Os populares tamén teñen anunciando unha reforma do actual sistema de fixación de prezos (subastas) e continúan coas medidas de control do déficit de tarifa.

Desde o Grupo Popular Provincial lembran que o actual Goberno herdou do PSOE un déficit de tarifa de 24.000 millóns de euros, cifra que multiplicaron por 17 durante a lexislatura socialista, que lastra non só calquera intento de reducir o prezo da factura senón incluso puxo en perigo a viabilidade de proxectos industriais da importancia de Alcoa, a principal empresa da provincia de Lugo, situación que se puido corrixir tras a intervención coordinada da Xunta e do Goberno central.