Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG consagran a Deputación de Lugo como a administración “dos recortes, do partidismo e da desatención de competencias”

Os populares votaron en contra da aprobación definitiva duns orzamentos elaborados polo PSOE e o BNG, que segundo puxo de manifesto a voceira do PP na Deputación de Lugo no transcurso da sesión plenaria, veñen a consagrar á administración lucense como a “dos recortes, do partidismo e da desatención de competencias”.

Os populares reproban que o equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo coa aprobación destes orzamentos continúen a poñer en perigo o Servizo de Axuda no Fogar na provincia, ao que destinan menos que á propaganda; ou recollan o peor Plan de Obras e Servizos de toda Galicia, cuxo investimento noutras administracións é superado por dez.

Os recortes recollidos nas contas para o 2014 rexístranse en partidas tan importantes como a de investimentos reais que sufre unha redución do 21% ou a de transferencias de capital a concellos que se ve diminuída nun 53%.

Uns datos que segundo a popular veñen a poñer de manifesto o afogo ao que a Deputación Provincial de Lugo está a someter aos municipios da provincia e, especialmente, a aqueles gobernados polo Partido Popular que en Xunta de Goberno do ano 2014 non lles foi aprobada a concesión de ningunha subvención excepcional.

Ante esta situación os populares presentaron reclamacións aos orzamentos tanto para o incremento da dotación destinada ao SAF como para que se asuman as competencias cos municipios, que dende a Deputación Provincial de Lugo rexeitaron.

Un PES partidista e impreciso

Os populares abstiveron á hora de aprobar o Plan Estratéxico de Subvencións para o 2014, por consideralo “impreciso e partidista”. Neste senso, Elena Candia explicou que o 48% das subvencións non tiñan un procedemento de concesión definido e que por exemplo na área de presidencia, só no 1,6% do total está claramente definido o seu procedemento a través do procedemento de concorrencia.

A voceira tamén rexeitou que dos 249.500 euros destinados a subvencións nominativas, os concellos gobernados polo Partido Popular  (43 dos 67 da provincia) só reciban 40.000 euros. “Unha mostra clara do sectarismo da Deputación Provincial de Lugo”, matizou.

Polo tanto, a popular durante a súa argumentación desbotou principios recollidos no PES como os de igualdade ou obxectividade, cando o 80% das nominativas son para o PSOE e o BNG e existen reparos de intervención á hora de conceder subvencións polo procedemento de excepcionalidade.

O PSOE e o BNG néganse a procesos transparentes

O equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo votou en contra dunha iniciativa dos populares na que se solicitaba a creación duns criterios obxectivos e coñecidos á hora de conceder o uso dos equipos do parque móbil aos municipios.

A popular lamentou que o PSOE e o BNG se neguen a facer transparente este proceso co obxecto de evitar calquera tipo de práctica partidista.

Os populares avogan por un concenso

No transcurso da sesión plenaria, os populares tamén avogaron por que o anteproxecto de Lei Orgánica para a Protección da Vida do Concibido e dos dereitos da Muller chegue a posturas máis próximas durante o seu debate nas cortes, co obxecto de que sexa aprobada co máximo consenso.

Neste senso os populares rexistraron unha enmenda que foi rexeitada polo equipo de goberno,  na que explicaban que o contido do anteproxecto, que está en fase inicial e fáltalle a tramitación parlamentaria, pode sufrir modificacións e polo tanto e ante un asunto de enorme complexidade política, xurídica e moral “sería bo ter unha lexislación apoiada maioritariamente polas Cortes”, de aí que o PP propuxera que a Deputación ínstase a que se apunten posibles acordos na súa redacción co obxecto de ter unha lei con maior consenso.