A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, matizou hoxe que o seu grupo reproba que a Deputación de Lugo se negue a apoiar iniciativas cun “loable” fin social e pola contra prefira adoptar decisións dende o punto de vista da xestión “difíciles de entender”
A popular fixo estas declaracións despois de que o PSOE e o BNG na administración lucense votasen en contra dunha proposta na que pedían que fose atendida a petición trasladada pola Asociación para a protección das persoas con discapacidade intelectual, Prodeme, relativa ao aproveitamento dos recursos dos que dispón a finca do Pazo de Tor .
A desatención amosada polo equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo a esta proposta é a “mostra clara da falta de sensibilidade do PSOE e do BNG” ante un proxecto que redundaría no ben social e cuxa aceptación suporía un beneficio económico-laboral para as persoas con discapacidade e a maiores evitaríaselle un custo económico á Deputación.
Proposta de Prodeme
Dende o ano 2008 existe un ofrecemento por parte de Prodeme no que amosa a súa disposición a manter e coidar a finca de Tor. En concreto, a asociación que presta servizos residenciais, de atención ocupacional e Centro Especial de Emprego a persoas con discapacidade; solicitoulle á Deputación aproveitar parte dos recursos dos que dispón a finca para incrementar as súas actividades ocupacionais agrícolas-gandeiras, asumindo deste xeito a súa limpeza e acondicionamento sen contraprestación algunha.
Pese a tratarse dunha proposta con fins sociais que permitiría a mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual e a súa integración socio laboral; a Deputación desoíu de maneira reiterada esta petición e preferiu adxudicar o mantemento da finca a unha empresa privada por un importe anual superior aos 42.000 euros.
Diferenza de criterios
Os populares coñecedores deste contrato cunha empresa privada solicitaron que se atendese a demanda de Prodeme tan pronto lle fose posible á administración provincial tendo en conta o compromiso adquirido; co fin de que unha resposta positiva a Prodeme non supuxese un custe ás arcas provinciais.
Pese a este ofrecemento claro e aberto, dende o equipo de goberno negáronse a aprobar esta proposta baseándose en imposibilidades lexislativas cando noutras sesións plenarias se deron casos manifestos de apoio por parte do PSOE e do BNG a acordos verbais propostos por asociacións para a aprobación de convenios con fins semellantes.
Polo tanto, os populares denuncian a falta de sensibilidade do equipo de goberno para non darlle resposta a unha demanda que redundaría tanto no ben do colectivo de persoas con discapacidade, como na propia economía da Deputación.