Os votos en contra do PSOE e do BNG no pleno da corporación celebrada hoxe impediron que se abrisen as vías de diálogo que solicitaba o Partido Popular para chegar a un consenso na saída da Sociedade Anónima Deportiva Breogán Club de Baloncesto a través dun proceso que “garanta a súa viabilidade e evite a súa deslocalización”.
A voceira do Partido Popular na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, explicou que o seu grupo non busca facer demagoxia, “queremos que se rectifique” ante unha decisión tomada de forma “aillada” e que está a espertar un posicionamento en contra dos que “realmente queren ao club, xa que o proceso de poxa pública deixa as portas abertas á deslocalización”.
Este debate deuse tras a presentación vía urxencia dunha moción por parte do Grupo Provincial do Partido Popular na que de maneira concreta solicitaba a paralización do proceso de alleamento de accións da SAD Breogán Club de Baloncesto, baixo as cláusulas aprobadas en xunta de goberno de 27 de decembro de 2013, e que se rexen polo proceso da poxa pública.
Os populares a prol do deporte
Candia explicou que o Breogán C.B. é moito máis que un club de baloncesto e neste senso, o Partido Popular sempre manifestou o seu posicionamento a prol de que un club histórico “non chegue a desaparecer e continúe afincado na localidade”.
Os populares rexistraran no mes de xuño unha moción na que pedían que non se levara a cabo o proceso de aillamento das accións sen contar cun plan de viabilidade, e menos, facelo, como o rexe o último prego de cláusulas aprobado.
En relación a isto, a popular tachou de lamentable que na última xunta de goberno se aprobase unha folla de ruta diferente a establecida previamente, sen informar da modificación pese a que o día anterior se celebrara a xunta xeral da SAD Breogán, durante a que non se deu conta dos cambios aos socios fundadores, aos accionistas, aos aboados e aos afeccionados.
O público xunto co PP reivindicou a paralización do proceso
Á sesión plenaria celebrada esta mañá asistiron un amplo número de afeccionados do equipo de baloncesto que, xunto co PP, deixaron patente en numerosas ocasións a súa desconformidade coa actitude que está a levar a cabo a Deputación Provincial de Lugo.
Os populares lamentan que nin tan sequera o PSOE e o BNG provincial sexa quen de aceptar un ofrecemento de diálogo e de consenso, polo que recriminan a súa xestión e actitude autoritaria.