Lugo, 21 de decembro de 2013.- Feito histórico celebrado esta mañá na Plaza de San Marcos. Preto de 2.500 persoas concentráronse diante da Deputación de Lugo para esixir a Gómez Besteiro que rectifique e modifique as bases do mal chamado plan de emprego.
Baixo o lema, “Pola igualdade de oportunidades de todos os desempregados lucenses ¡Besteiro rectifica!”, os concentrados manifestaron o seu rexeitamento absoluto á intención de PSOE e BNG de xerar lucenses de primeira e segunda categoría, con máis ou menos dereitos, en función do concello onde residan.
A encargada de ler un manifesto en sinal de protesta foi unha moza desempregada da provincia que pediu a Gómez Besteiro que non xogue cos parados e deixe de discriminar aos cidadáns dependendo do municipio onde residan.
Tamén a voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, insistiu e deixou moi claro que o seu partido é o máximo preocupado por elaborar plans de emprego, que non está en contra destas iniciativas pero o que non tolerará é a elaboración de programas de emprego como o de Gómez Besteiro, que tan só beneficia aos que lle convén.
BARREIRO, ENTRE OS ASISTENTES
O líder dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, o secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, así coma, deputados, senadores, alcaldes, voceiros, edís e demais cidadáns da provincia participaron nesta concentración.
O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, considerou que o Goberno da Deputación de Lugo “chegou a un punto inmoral”, posto que se ten feito unha proposta á que o 95% dos parados non se poden acoller. Barreiro afirmou que as finalidades do plan teñen un carácter electoralista, como así pon de manifesto o feito “de ter presentado iniciativas na institución provincial, nos concellos e incluso no Parlamento de Galicia ante as que Besteiro segue impasible nunha fuxida cara adiante”.
Barreiro criticou que o presidente da Deputación de Lugo utilice a institución “como un instrumento ao seu servizo e aos dos seus intereses”. “Con este acto simbólico, educado e respectuoso, queremos tratar de chamar a atención da cidadanía para que saiban o que está a facer Besteiro e cal é a forma de actuar dun señor que aspira a liderar Galicia a través do PSOE”, destacou.
Pola súa banda, a voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, explicou que o acto tivo a finalidade de reivindicar a igualdade de oportunidades para todas as persoas que se atopan en paro. “Defendemos alto e claro que apoiaremos calquera plan de emprego sempre que respecte os dereitos das persoas en situación de desemprego”, insistiu, ao tempo que afirmou que “sempre que non se respecte o principio de igualdade de oportunidades o Señor Besteiro vainos ter enfronte”.