Lugo 19 de decembro de 2013.- O Partido Popular de Lugo invita aos lucenses a participar este sábado nunha concentración silenciosa de protesta ante o plan de emprego deseñado “á medida” polo presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a través do que está a “desprezar a máis do 94% dos parados da provincia que nin tan sequera poderán participar na selección do programa”.
A convocatoria promovida polo Partido Popular para o vindeiro sábado á mañá, a partir das 11:00 horas, diante da Deputación Provincial de Lugo (Praza de San Marcos) está aberta aos lucenses e desenvolverase baixo o lema Besteiro rectifica! Pola igualdade de oportunidades de todos os desempregados lucenses.
Así o anunciaron esta tarde en rolda de prensa deputados provinciais que a través da súa voceira, Elena Candia, tacharon de “inadmisible”, que unha administración pública “estea a utilizar con fins electorais aos parados da provincia, chegando só a aqueles municipios que lle interesa por estratexia política”.
Os populares explicaron que non hai escusas para o “atropelo” ao que está a someter o socialista Besteiro aos desempregados da provincia polo que “reivindicaremos que a Deputación que xestiona fondos públicos garanta a igualdade de oportunidades laborais de todos os cidadáns”.
Asemade, os populares tamén invitaron a participar á Federación de Veciños de Lugo, que habitualmente amosa unha sensibilidade especial en relación con estes temas e máis cando se fala desemprego, e tendo en conta, a maiores, que a comarca de Lugo resulta discriminada por Besteiro, xa que non se crea ningún contrato nos seus concellos.
Besteiro desoe aos municipios e ao Parlamento
Os populares promoven esta iniciativa logo de que o socialista Besteiro se negase a modificar as bases do plan e a crear emprego en todos os municipios da provincia.
“Besteiro non rectificou pese a existir un mandato expreso da máxima institución que é o Parlamento de Galicia e un acordo histórico de 43 municipios que solicitan que se corrixa o programa”, matizaron os populares, polo que, “non decaeremos na nosa tentativa de que se modifique un plan discriminatorio, excluínte e que rouba os dereitos dos parados da provincia, por interese electoral”.
Candia explicou que non existen escusas para este “pisoteo” que se lle está a dar a 24.522 parados, e que menten cando falan de intentar chegar a onde non o fai a Xunta xa que a administración autonómica investiu no 2013 na provincia máis de 7,9 millóns de euros en emprego cos que chegou a 2.564 lucenses.
O plan feito á medida
A voceira do PP lembrou que o actual plan deixa datos como que se discrimina a nove de cada dez parados lucenses, que máis do 94% dos desempregados non poden nin tan sequera participar no proceso de selección e que tan só 12 dos 67 concellos lucenses están incluídos no plan, dos cales soamente un está gobernado polo PP cando ostenta o 64% das alcaldías lucenses.
“Queremos que con estes dous millóns de euros se chegue a todos os concellos e non só a uns poucos, que se cren postos de traballo en comarcas como Lugo ou Terra Chá , – estas dúas representan máis do 60% dos desempregados lucenses e ningún concello entra no plan-, que non clasifiquen parados de primeira e de segunda en función do municipio de residencia…”, enumerou a popular.
Con este fin, pediron a modificación do plan nos plenos municipais, en sesións provinciais e autonómicas, porén, “Besteiro mantívose inflexible e continúa a antepoñer os seus intereses políticos aos dos veciños afectados pola lacra do desemprego”.