Lugo 16 de decembro de 2013.- Ningún dos 3.143 parados das comarcas da Terra Chá e de Meira terán a oportunidade de participar no proceso de selección do plan emprego da Deputación dado a política “electoralista e sectaria” que está a promover o presidente da administración lucense, José Ramón Gómez Besteiro, nesta materia.
A voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, xunto a alcaldes, voceiros e outros cargos polítioas da Terra Chá e de Meira vetaron esta mañá en rolda de prensa o “plan inmoral” que “por razóns políticas” deseñou o bipartito provincial.
Candia censurou os criterios sesgados nos que se basea este programa e que provoca a exclusión de todos os desempregados destas comarcas, nas que non crearán ningún posto de traballo, pese a contar co 12,13% dos parados de toda a provincia (segundo datos do IGE de setembro de 2013, tal e como regulan as bases do plan).
Atropela, marxina e despreza a trece municipios
No último pleno provincial no que os populares solicitaron a modificación destas bases, José Ramón Gómez Besteiro co voto en contra consumou o seu “atropelo, marxinación e desprezo” tanto aos desempregados como aos trece municipios que integran estas dúas comarcas.
O socialista deberá explicar ante os veciños como un plan ao que destina dous millóns de euros non creará ningún emprego nestes trece municipios. A voceira dos populares pregúntase se “isto é reequilibrio?” e a maiores plantéxase se “estes concellos interesan ou non na estratexia electoral de Gómez Besteiro?”.
O presidente provincial está a “atropelar” aos máis de 49.211 veciños censados nestes municipios, o que provoca a “indignación dos alcaldes e portavoces que reivindican a igualdade de oportunidades” e que “este plan de emprego chegue a todos os concellos”.
Candia explicou que se viviu un acordo histórico no que 43 concellos reivindicaron a modificación deste plan e que o socialista desoíu gobernando de costas aos municipios, “aos que se debe e polos que ten que traballar”.
A Xunta de Galicia chega a todos os concellos sen excepción
A popular tamén contrapuxo o “atropelo” ao que Besteiro somete aos desempregados á xestión da Xunta de Galicia que chega a todos os municipios sen excepción.
Tanto é así que a través do plan de cooperación só en 2013 creou 49 empregos nos 13 municipios da comarca, o que supuxo un investimento superior aos 352.000 euros.
A maiores, os populares explican que os datos desmontan a mentira do goberno provincial cando aseguran que intentan chegar aos concellos onde non o fixo a Xunta de Galicia. Nesta comarca, explica Candia, existen cinco concellos que non recibiron un obradoiro de emprego, –no 80% dos casos por non solicitalo -, e pese a isto, non forman parte do plan da Deputación.
De igual maneira, a colaboración da Xunta de Galicia maniféstase con todos os concellos da Rede Natura que reciben como mínimo 20.000 euros de axuda. Asemade, a administración autonómica vén de investir máis de 4 millóns de euros en 131 cursos que se desenvolven na provincia e nos que participan preto de 2.000 persoas.
PLENO NO PARLAMENTO DE GALICIA
A voceira do PP na Deputación, Elena Candia lembrou, que o vindeiro mércores, en sesión plenaria do Parlamento de Galicia debatirase unha iniciativa do Grupo Parlamentario do Popular para esixir ao presidente da Deputación a que rectifique o seu plan de emprego. Unha rectificación que lle pide a inmensa maioría dos concellos.