Partido Popular de Lugo

PP de Pol levará a cabo unha campaña informativa para dar conta do erróneo e ficticio Plan Xeral de Ordenación Municipal

Pol, 13 de decembro de 2013.- A presidenta e voceira do PP de Pol, María Ángeles Lenza, manifestou, esta mañá, que o seu partido levará a cabo unha campaña informativa para dar conta do erróneo e ficticio Plan Xeral de Ordenación Municipal.

“Mediante o reparto dun tríptico, que comezará a vindeira semana, por todo o municipio, informaremos aos veciños dos datos imprecisos e erróneos que presenta o PXOM de Pol”- anunciou a popular, quen criticou que, no documento figuran parroquias que non pertencen ao concello de Pol e entre outras equivocacións, atópanse erros nos límites do concello, extensión, número de habitantes, número e nome de pobos, capitalidade do municipio, concentracións parcelarias, a mala identificación da cabana gandeira e das construccións típicas, malas ubicacións ou a non catalogación de elementos de importancia coma A Santiña, ou o hórreo de A Pena.

Aseverou a popular que o PXOM debe garantir o equilibrio entre a agricultura, gandeiría e forestal e facer un reparto equitativo, igualitario e real do uso do solo actual polo que pedíu que non se pretenda reflectir nun plan o que non existe, nin nunca existíu, coma acontece no caso das zonas e terreos agropecuarios e forestais.

Reivindicou Lenza López a falta de coherencia e as decisións arbitrarias que se plasman ao longo de todo o documento e criticou que se contemplen actuacións urbanísticas pertencentes a comunidades de montes sen o consentimento das xuntas reitoras ou que se tomen decisións arbitrarias á hora de determinar que un núcleo se amplie máis ou menos dependendo de quen sexa propietario.

A presidenta e voceira popular afirmou que “algo fallou neste plan”, posto que “estamos a falar dun concello que conta con 1.700 habitantes e rexistráronse 633 alegacións” e aseverou que nun documento tan importante, os veciños, non poden tolerar estos erros.

Concluíu María Ángeles Lenza, afirmando que o seu partido pedíu en pleno que non se aprobase este documento e se crease un grupo de traballo con tódolos grupos políticos co obxetivo de axudar a desenvolver os problemas dos veciños do concello e traballar de xeito responsable e  criticou que o rexedor non aceptara o ofrecemento polo que presentaron alegacións como grupo municipal, habilitaron puntos de información para aportar a documentación necesaria para o seu estudo, repartiron gratuitamente CD´s do plan e asesoraron aos veciños que así o demandaron.