Partido Popular de Lugo

Besteiro non rectifica e na comarca de Lemos só 5 desempregados, dos 2.455 parados, serán contratados a través do plan de emprego, o que representa un 0,20% do total dos parados

Lugo 12 de decembro  de 2013.- Rexedores, voceiros, deputados e demais representantes políticos do Partido Popular de Lemos acompañaron esta mañá á voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, nunha rolda de prensa na que denunciaron que a Deputación de Lugo vén de consumar o seu “atropelo, marxinación e desprezo” aos desempregados da comarca.

NON RECTIFICOU

A non rectificación do Goberno bipartito que preside Gómez Besteiro -que desatendeu a petición formulada polo PP no último pleno provincial extraordinario-, implica que só 5 desempregados da comarca do Lemos poderán ser contratados a través do Plan de emprego da Deputación, “isto significa que só chegarán ao 0,20% do total de parados da comarca”.

Elena Candia, arroupada por cargos públicos populares, acusou a socialistas e nacionalistas de deseñar un Plan de emprego “que rouba os dereitos dos parados da comarca e que racha a igualdade de oportunidades deixando fóra do plan a 5 dos 6 concellos do Lemos, cuxos veciños desempregados nin tan sequera poderán participar na selección deste plan de emprego pagado co diñeiro de todos os lucenses”.

“Os datos son contundentes e, aplicando as bases do Plan, só 116 desempregados do concello da Pobra de Brollón poderán participar na selección das 5 prazas dispoñibles, isto é que máis do 95% de parados quedan fóra, sen opción nin tan sequera a ser avaliado na selección”-denuncian desde o PP.

A voceira popular sinala que cando socialistas e nacionalistas presumen de compromiso cos parados e pretenden dar leccións de cómo xerar emprego na comarca, á hora de verdade, cando lles toca aplicar os seus programas propios, dan as costas aos desempregados da comarca de Lemos. Neste senso emprazan aos dirixentes de PSOE e BNG a explicar diante dos seus veciños, baixo que falacias ou suposto reequilibrio territorial pode xustificarse que un plan para o que se destina 2 millóns de euros de diñeiro público só permitirá 5 contratacións na comarca de Lemos.

A XUNTA CHEGA A TODOS OS CONCELLOS

Fronte á discriminación e sectarismo que caracteriza o Plan de emprego da Deputación de Lugo, Elena Candia, puxo en contraste as iniciativas da Xunta que, envorcadas no apoio aos desempregados, chegan a todos os concellos sen excepción e non discriminan aos parados en función do municipio no que residan, como si fai o plan de Gómez Besteiro.

Desmontando cada un dos argumentos dados por PSOE e BNG para xustificar a marxinación de Lemos no Plan de emprego provincial, Candia explicou que a Xunta tanto a través do Plan de Cooperación, como dos obradoiros de emprego, como dos cursos formativos para parados ou das axudas da rede Natura chegan a todos os municipios da comarca sen excepción.

O Plan de Cooperación da Xunta permitiu, só en 2013, que todos os concellos da comarca  -os 6 sen ningún tipo de excepción- contrataran a 24 desempregados o que supuxo un investimento de 149.877,74 euros.

A estas contratacións súmanselle 20 postos a través do obradoiro de emprego de Pantón, Sober e Saviñao, cun orzamento de 177.000 euros.

Candia deixou claro que non é certo que a través do Plan de emprego da Deputación se busque compensar a falta de apoio da Xunta a algúns concellos pois, como é evidente, todos reciben axudas para realizar contratacións.

A maiores, matizou, que o único concello que entra no plan de emprego da Deputación nesta comarca, non solicitou dende 2010 ningún obradoiro á Xunta de Galicia.

Todos os concellos con rede natura reciben como mínimo 20.000 euros de axuda e os cursos de formación para desempregados de toda a provincia supoñen un investimento de máis de 4 millóns de euros, en 131 cursos que benefician a 2.000 persoas.