Santiago, 12 de decembro de 2013.- A secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, María Jesús Lorenzana Somoza, confirmou esta tarde, a pregunta do deputado do Grupo Parlamentario Popular Jose Manuel Balseiro, que o alcalde de Monterroso, Antonio Gato, renunciou por escrito e expresamente (en xullo de 2013) a obter autorización para a apertura dunha residencia para persoas maiores nesta localidade.
O Goberno galego confirma que o rexedor foi advertido en dúas ocasións polos servizos de inspección da Xunta das deficiencias detectadas nas instalacións construídas polo Concello, pero non quixo corrixilas, facendo imposible así que o centro fora autorizado como residencia. “Segundo o informe as instalacións non cumprían moitos dos requisitos establecidos na normativa sectorial (Orden do ano 1996), nin tampouco algúns dos condicionantes establecidos no código de edificación e normativa de accesibilidade”, aclaran desde a Xunta citando o devandito informe técnico.
Maria Jesús Lorenzana puxo de relevo na súa intervención de resposta a Jose Manuel Balseiro a relevancia dos defectos detectados “en todos os ámbitos mencionados, pero de xeito fundamental no tocante á accesibilidade e insuficiencia de espazos”. Había deficiencias nas portas, corredores, nos espazos que terían que ocupar as dependencias que segundo a normativa vixente deben ter estes centros (comedor ou lavandería) e, incluso, carecía dos mesmos, como é o caso da zona de rehabilitación, que non estaba contemplada no proxecto. “A isto temos que sumar outras deficiencias en materia de seguridade, prevención de incendios e habitabilidade”, dixo.
VIVENDA COMUNITARIA
Continuando na descrición dos feitos, a secretaria xeral técnica explicou que, trala renuncia a contar cunha residencia, o Concello de Monterroso modifica a súa solicitude e pide agora unha nova autorización, neste caso para que as instalacións poidan abrirse baixo a tipoloxía de vivenda comunitaria. “A día de hoxe, o Concello tampouco ten acreditado diante da inspección da Xunta as melloras que debería introducir no centro para ser autorizado definitivamente para operar con esta tipoloxía, aínda que as modificacións a incorporar, neste caso, son moito máis doadas de cumprir e serán verificadas nunha inspección das instalacións que terá lugar o vindeiro 18 de decembro”, tras retrasar a data prevista inicialmente.
Sobre este particular, o deputado Jose Manuel Balseiro amosouse sorprendido porque o alcalde, acompañado do presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, inauguren unhas instalacións e organicen unha xornada de portas abertas, cando aínda non dispoñen das autorizacións definitivas que debe outorgar a Xunta.
Na súa intervención final, Jose Manuel Balseiro quixo poñer de relevo que a xestión do Goberno local foi en todo momento incompetente: por non adecuar as instalacións construídas á normativa vixente e por negar aos veciños e ás persoas dependentes uns servizos que prometeu.
Balseiro engadiu, ademais, que non ten nada contra as vivendas comunitarias pero que estas, tal e como confirmou a secretaria xeral, ofrecen un número de servizos moito menor que unha residencia e, non poden albergar persoas con dificultades motoras o un nivel medio de dependencia.