Partido Popular de Lugo

A INTRANSIXENCIA E SECTARISMO DE AGE IMPIDE UN ACORDO PARLAMENTARIO SOBRE A CONTINUIDADE E O FUTURO DO GRUPO TRAGSA

Santiago, 4 de decembro de 2013.- O Grupo Popular lamenta que a intransixencia e sectarismo dos deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) impedira hoxe que o Pleno do Parlamento galego aprobara un acordo unánime sobre a continuidade e futuro do grupo Tragsa. Os populares estaban dispostos a apoiar dous dos tres puntos da iniciativa parlamentaria de AGE pero a coalición integrada por Anova e Esquerda Unida bloqueou a votación por puntos, o que impediu o voto favorable do Grupo Popular.

En todo caso, os populares, a través do seu deputado Jose Manuel Balseiro, aproveitaron a súa intervención para amosar a súa solidariedade cos traballadores de Tragsa e da súa filial Tragsatec afectados polo expediente de regulación de emprego, e insistiron na importancia de executar as xestións precisas para manter a viabilidade da empresa.

Neste sentido, Balseiro dixo que non debemos esquecer que a actividade do grupo Tragsa viuse seriamente diminuída nos últimos anos e que esta circunstancia, motivada pola redución dos encargos e das encomendas de xestións que fan as distintas administracións públicas de todo color, obriga a adaptar o cadro de persoal da empresa á carga de traballo dispoñible. “Pero iso si, reclamamos facelo do xeito menos traumático posible”, apuntou.

Balseiro tamén indicou que para avaliar como se chegou a esta situación os que mellor poderán responder son os propios grupos da oposición, xa que son partidarios de ampliar a débeda e o déficit sen límite, ata facer as administracións públicas insostibles e provocar nelas as actuais dificultades para contratar; así como tamén aos xestores de períodos anteriores, incluídos algúns dirixentes estatais e autonómicos hoxe na oposición, que favoreceron contratacións movidas por motivos electorais máis que por necesidades ambientais.

REPROCHES A HIPOCRISÍA POLÍTICA DA OPOSICIÓN

Balseiro reprochou a hipocrisía e dobre discurso dos grupos da oposición, que hoxe din apoiar a Tragsa mentres que fai uns días pedían que a Xunta deixara de contar cos traballadores desta empresa pública na loita contra os incendios forestais ou en outros servizos e infraestruturas en agricultura, gandería, pesca e medio ambiente, entre outros.

Ao mesmo tempo, salientou o curioso que é escoitar ás críticas que desde a oposición fan sobre os ERES cando despois son os primeiros en aplicalos, como aconteceu co BNG, con IU ou con CCOO.

Desde o Grupo Popular insisten en que, fronte as teses da oposición a Xunta e outras administracións públicas seguirán confiando e traballando co grupo Tragsa como o viñeron facendo nos últimos 35 anos debido tanto ao bo traballo realizado por esta empresa como aos servizos esenciais que desempeña.