Lugo, 28 de novembro de 2013.- O secretario xeral dos populares lucenses e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego –unha proposición non de lei- na que insta á Deputación de Lugo a corrixir o seu Plan de emprego porque, segundo explica, “rouba os dereitos dos parados da provincia”.
Nunha rolda de prensa ofrecida no día de hoxe, o tamén secretario do Parlamento galego lembrou que unha administración como a provincial lucense, “que xestiona fondos públicos, está obrigada a garantir a igualdade de acceso e de oportunidades de todos os cidadáns, sen exclusións” e, polo tanto, que a Deputación “non ten escusas” para “atropelar, marxinar e desprezar” a un número tan importante de parados.
Máis polo miúdo o secretario xeral dos populares lucenses explicou que chama a atención que a Deputación pretenda xerar emprego con este plan cando hai comarcas como a de Lugo, a máis poboada e que agrupa ao 41% dos desempregados da provincia, na que ningún concello poderá participar.
Tamén quedan fóra do plan todos os municipios da Terra Cha, Chantada, Meira ou A Ulloa. No caso das bisbarras da Mariña ou Lemos que sumadas á de Lugo supoñen o 80% da provincia, tan só permitiranse 13 contratacións.
Desde o PP veñen denunciando que o programa de contratación deseñado por Besteiro deixa fóra a 9 de cada 10 desempregados lucenses e impide participar na selección que oferta a 55 dos 67 concellos da provincia
EMPREGO PARA TODOS, NON PARA UNS POUCOS
O secretario xeral dos populares lucenses quixo deixar claro que a iniciativa parlamentaria non busca, como enganosamente pretenderon facer ver desde o bipartito provincial, tratar de vetar que a Deputación de Lugo cre postos de traballo, senón ao contrario, que sexan todos os desempregados lucenses e todos os concellos, os que teñan a oportunidade de participar nese plan de emprego, en condicións de igualdade de oportunidades e de equidade.
Balseiro lembrou que esta mesma petición está avalada pola inmensa maioría dos alcaldes e municipios da provincia que nos últimos días veñen de canalizar a indignación dos seus veciños, e aprobar en 41 corporacións iniciativas contra a marxinación da Deputación de Lugo, e reivindicar unha modificación das bases que posibilite que todos poidan participar, sen exclusión.
OS PLANS DA XUNTA SEN EXCLUSIÓNS
Por último o deputado popular emprazou a Besteiro a rectificar e aplicar os mesmos criterios que a Xunta aplica nos seus programas de emprego, e lembrou, por exemplo, que a través do Plan de Cooperación o goberno galego financia a contratación de parados en todos os concellos de Lugo, sen exclusión. Indicou tamén que a Xunta non pon ningún tipo de impedimento para que todos os municipios da provincia poidan solicitar un obradoiro de emprego ou impartir un curso formativo para desempregados, situación que contrasta cos moitos límites que as bases do plan de emprego da Deputación impón e que na práctica, implica xerar “parados de primeira e segunda categoría nun mesmos territorio”.
186.000 EUROS DA XUNTA
Balseiro quixo aclarar, a modo de réplica, que o plan da Deputación non pode nacer para, “como falsamente argumentan desde o bipartito provincial, compensar a marxinación da Xunta aos poucos concellos lucenses que si estarían incluídos na selección das 80 prazas”, e para desmentilo explicou que todos estes concellos só en 2013 recibiron 187.000 euros a través do Plan de cooperación.
A maiores explicou que dos 11 concellos gobernados por PSOE ou BNG que si poderán participar no plan o 85% deles, nin tan sequera solicitaron da Xunta un plan de emprego, no período 2010-2013, polo que, “nunca pode dárselles o que nin tan sequera pediron”.