Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo multiplicou por cinco o endebedamento por habitante dende 2007 e convértese na administración galega que máis recortes fixo e segue a facer

Lugo 26 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexeitou hoxe uns orzamentos que supoñen que a Deputación Provincial de Lugo se reafirme en ser a administración galega que “máis recortes fixo e segue a facer”; ademais de multiplicar por cinco o endebedamento por habitante dende 2007.

Os populares rexeitaron a reprochable xestión de José Ramón Gómez Besteiro ao longo destes anos ao fronte da institución, manifestada nuns indicadores que recollen unha redución no investimento por habitante dende 2007, mentres que o endebedamento por lucense multiplicouse ata en cinco.

Neste senso, a voceira dos populares, Elena Candia, asegurou que o bipartito da administración provincial é o mellor exemplo de “dime do que presumes e direiche do que careces” xa que os bos ratios de endebedamento dos que presumen “véñense abaixo se comparamos como estaba a administración provincial en 2007 co PP e como está agora co PSOE e o BNG”.

En números concretos, Candia explicou que se pasou dun endebedamento por habitante de 30,31 a 150,94; mentres que o investimento por habitante reduciuse do 85,46 ao 77,05.

Menten en materia de emprego

José Ramón Gómez Besteiro vende estes orzamentos como os da creación do emprego, porén a súa xestión nesta materia evidencia unha realidade moi diferente. Así o manifestou a popular, tar dar a coñecer que da partida para o fomento do emprego a 30 de setembro de 2013, o grao de execución era dun 4,17%.

Unha situación semellante deuse nesta partida no ano 2012, na que quedou sen executar uns 2,7 millóns. Estes datos amosan que o bipartito provincial xoga coa necesidade de crear un posto de emprego simplemente en épocas electorais, para obter réditos políticos de aí o plan que anunciaron a principios de mes e cuxos prazos implica que o contratos dos traballadores seleccionados finalice un mes despois dos comicios de 2015.

Recortes e afogo aos concellos

Unha redución do 21% en investimentos reais; un 53% en transferencias de capital a concellos ou un 98% en gastos en investimento de carácter inmaterial; son algúns dos exemplo dos recortes promovidos polo goberno do bipartito provincial que implican o afogo dos municipios que se ven esquecidos pola Deputación lucense.

A mesma diminución de crédito se dá en transferencias correntes e de capital en áreas como cultura (358.000); deportes (382.000) ou turismo (107.000).

A maiores, os orzamentos do 2014 prevén o peor plan de obras e servizos de toda Galicia, así como o incumprimento en materia de benestar. Neste senso, os populares rexistraron enmendas aos orzamentos nas que demandan unha mellora no POS, un incremento na partida do SAF, así como a garantía da asistencia económica aos concellos.

“Existe unha ampla contía en gastos sen concretar que permitirían mellorar o POS”, explicou Candia, ao tempo que explica que non é permisible “que nuns orzamentos un presidente destine tanto a vender a súa imaxe que a garantir o SAF”, matizou a popular.

Esta desatención aos concellos púxose de manifesto na sesión plenaria celebrada hoxe, na que equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo desoeu tanto o acordo plenaria dos tres partidos con representación no Concello de Lourenzá, como incluso a informes técnicos. Esta situación deuse no proceso de transferencia de titularidade do chamado Camiño A no municipio, tras negarse a modificar un convenio con cláusulas de imposible asunción polo goberno local, pese a que así llo piden os representantes do PSOE e do BNG no municipio.

O mesmo exemplo de despreocupación ante as demandas dos veciños, deuse á hora de responder á pregunta do Grupo Provincial do Partido Popular na que se interesaban pola colocación de bandas rugosas na estrada do Saviñao,que vai de Ferreira de Pantón a Taboada, pasando por Escairón e Currelos, tal e como lle demandaron os residentes mediante un escrito.

O bipartito provincial non se ruborizou en asegurar que a seguridade está garantida, e que alí non se deu ningún accidente; unha mostra de “desatención aos veciños aos que desoen”, pese a que están a denunciar a velocidade superior á permitida e a que pasan os vehículos.

Subvencións nominativas 2014

Os populares tamén rexistraron unha enmenda na que solicitan que a Deputación Provincial de Lugo garanta a colaboración a través de subvencións nominativas con todas as festas de interese turístico da provincia.

A maiores, dende o GPP matizaron que do total concedido a través de subvencións nominativas a concellos; os do PP reciben só 40.000 (16%) euros; mentres que os do PSOE, BNG e Independentes reciben 209.500 euros (84%).