Lugo 25 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular continúa a analizar os datos “reprobables” que resultan do estudo das bases que regulan o plan de emprego da Deputación de Lugo. Así, na comarca de Lemos, a voceira do PP no ente provincial, Elena Candia, repudiou hoxe que tan só 5 dos 2.455 parados destes concellos podan ter un posto de traballo a través deste plan.
Así o denunciou esta mañá a voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, quen esixe ao PSOE e ao BNG desta comarca que dea resposta ás preguntas que están a plantear durante estes días froito da limitación dun plan que “cualifica a parados de primeira e de segunda en función do municipio e inclusive da comarca de residencia”.
Candia lamenta que tan só un 0,20% dos desempregados da comarca obteñan un posto de traballo durante 15 meses a través deste plan de emprego “discriminatorio, sectario e excluínte”.
Os populares critican o trato que se lle está a dar a cinco dos seis concellos que integran a comarca, xa que Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Sober quedan fóra do plan de emprego da Deputación de Lugo.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular “esiximos que se garanta a igualdade de oportunidades entre todos os concellos da provincia”, matiza Candia, quen engade que non é suficiente que só un concello, o de Pobra do Brollón (da mesma cor política do equipo de goberno da Deputación de Lugo), sexa os único beneficiario deste plan.
A voceira dos populares na Deputación explica que o seu grupo seguirá a traballar na mesma liña e con rigor demandará que o plan de emprego promovido pola administración provincial cumpra os obxectivos que recolle nas bases e permita a creación de emprego na provincia garantindo a igualdade de oportunidades entre a poboación desempregada.