Partido Popular de Lugo

PP de Lugo comprométese a ser axente activo na loita contra a violencia de xénero dende as xeracións máis novas da sociedade

Lugo, 25 de novembro de 2013. O Partido Popular de Lugo, co obxectivo, de conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero, deu a coñecer hoxe a campaña que inicia a partires de mañá e que levará a cabo por toda a provincia.

Baixo o lema “no amor non te cegues, usa as gafas malva”, e cun acto simbólico no que diferentes membros do partido luciron unhas lentes desta cor, a Comisión Provincial da Muller, que coordina Mari Teijeiro, presentou esta iniciativa.

Na presentación estiveron presentes, o Presidente provincial, José Manuel Barreiro, o secretario provincial José Manuel Balseiro, o presidente da Xunta Local de Lugo Jaime Castiñeira, membros de Novas Xeracións e as integrantes da Comisión Provincial da Muller; todos eles luciron unhas lentes de cor malva co obxectivo de lanzar á sociedade unha mensaxe para descubrir as desigualdades e previr a violencia de xénero e invitaron aos cidadáns a pór uns anteollos malva para mirar dunha forma diferente a realidade e incorporar a perspectiva de xénero no noso día a día.

O líder dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, foi o encargado de ler un manifesto onde afirmou que o PP de Lugo se compromete a ser axente activo na loita contra a violencia de xénero dende as xeracións máis novas da sociedade.

Barreiro agradeceu a implicación da Comisión Provincial da Muller e das Novas Xeracións do PP de Lugo neste proxecto e asegurou que “se fosemos capaces de saber detectar esta enfermidade histórica e endémica da nosa sociedade, estaríamos dando ese primeiro paso preciso para facer un xaque á violencia de xénero, aprender a detectala”.

ACTOS INCLUIDOS NESTA INICIATIVA

A coordinadora da Comisión Provincial da Muller, Mari Teijeiro, manifestou que os actos que se inclúen nesta iniciativa son diferentes obradoiros que se impartirán por toda a provincia lucense e que teñen como finalidade ensinar a mirar con outros ollos.

Un uso simbólico destas lentes malva coas que aprenderemos a traballar estereotipos e falsos mitos que rodean a realidade que sofren a diario miles e miles de mulleres converténdonos en axentes contra a violencia de xénero con un compromiso claro de denunciar e non permitir nin unha soa mostra de ataque á igualdade de xénero ou de violencia cara ás mulleres”- manifestou.

Neste senso, a popular afirmou que se trata de por unhas lentes imaxinarias que nos agranden a vista no día a día e nos axuden a ter unha maior atención ante o que está acontecendo ao noso arredor, “estar máis informadas, tecer maiores redes, facer unha vida autónoma, desfrutar do tempo libre, aprender a ver e mirar cos anteollos da igualdade”- subliñou.

Así mesmo a Coordinadora Provincial concluía o acto de presentación da campaña comparando esta forma de violencia con un parasito que se aproveita da vida da muller ata arrebatarlla “a violencia contra a muller é coma unha carracha miúda que se instaura na nosa vida sen que sexa apreciada a súa presenza, intentar arrancala doe pero sabes que tes que sacala do teu corpo porque senón acaba coa túa vida e a de aqueles que están ó carón”- aseverou.

Dirixídonse a toda a sociedade e deforma especial á mocidade, os populares lucenses lanzaron esta mensaxe “no amor, non te cegues, usa as gafas malva. Verás a desigualdade, previremos a violencia de xénero” e concluiron, agradecendo a colaboración e boa disposición nesta campaña de Multiópticas Callao e de Óptica Feás de Monterroso e Chantada, quen facilitou as gafas que se usaron para a presentación da mesma.