Lugo 22 de novembro de 2013.- A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, aseverou hoxe que os orzamentos que o goberno da Deputación presenta para o 2014 confirman que o ente lucense é a administración galega que “máis recortes fixo e segue a facer”.
Os populares atribúen “estes alarmantes recortes” que veñen de denunciar á “mala xestión” de José Ramón Gómez Besteiro, ou inclusive a “unha mala intención” dependendo do departamento “e inclusive do rédito político que poda obter o socialista”.
Dunha maneira máis concreta, Elena Candia denunciou que o goberno da Deputación Provincial de Lugo continúe a reducir “de xeito alarmante” o investimento por habitante. Tanto e así que, segundo os datos aportados pola popular, esta diminución supera o 85% dende o ano 2011.
Continuará a ser a administración co peor POS e a incumprir no Servizo de Axuda no Fogar
A afirmación de que a Deputación Provincial de Lugo é a administración galega que máis recortes fixo, aséntase en outros datos que evidenciou a popular logo de analizar os orzamentos que vén de presentar.
Tanto é así que durante o 2014, José Ramón Gómez Besteiro segue a ser o dirixente provincial que incumpre en materia de servizos sociais. Deste xeito, nas contas previsibles para o próximo ano non se incrementa a contía concreta destina ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
A populares tacha esta situación de “estado de insumisión imperdonable”, que, segundo Candia, “pon en perigo o servizo na provincia non aportando a contía á que está obrigada.
Do mesmo xeito, a administración lucense “foi e segue a ser” logo destas contas, a institución provincial “co peor plan de obras e servizos (POS) das catro Deputacións galegas”. “O investimento doutras administracións a este plan supera dez veces o investimento da Deputación de Lugo”.
Alarmante recorte de servizos aos concellos
A Deputación Provincial de Lugo continúa a “afogar aos concellos da provincia” froito dun alarmante “recorte de servizos”. Así os populares explican que nos orzamentos de 2014, a Deputación Provincial de Lugo reduce ata nun 53% as transferencias de capital a concellos dende a pasada anualidade, pasando do 1.638.500 euros en 2013, aos 768.000 desta.
Ata un 21% de redución nos investimentos reais
A Deputación de Lugo “a que máis recortes fixo e fai de Galicia” reducirá tamén na próxima anualidade ata nun 21% os investimentos reais, así como as transferencias correntes e de capital en áreas como Cultura, Deportes ou Turismo.
Así, por exemplo as transferencias correntes e de capital a deportes vense reducidas en máis de 382.000 euros; a turismo, en máis de 267.000 euros; a cultura en máis de 358.000 euros e a igualdade en máis de 100.000 euros.
A voceira dos populares resume que “todos e cada un destes datos demostran que a Deputación Provincial de Lugo é a administración dos recortes, que asfixia aos municipios da provincia”.